A furna da Buserana ouvea

CARBALLO

López Abente e Miro Villar levaron a cova aos seus poemas, e Caamaño, ás súa imaxes. O nome segue dando que falar

26 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Concello de Muxía ten en marcha un novo proxecto, denominado Buserana. Nace para recompilar o patrimonio inmaterial (lendas, tradicións, cantigas...) de todo o municipio. A elección do nome ten un evidente traspondo: se hai unha acepción coa que se identifican as vellas tradicións muxianas -e máis aló do entorno da Barca- esa é a de Buserana.

Sempre gustou este nome, feminino do Buserán, que é trovador o que lle deu o mérito. Unha entidade feminista da Costa da Morte así se chamaba, e tamén a revista do instituto Ramón Caamaño. Os escritores e artistas tamén tiraron moito dela. O propio Ramón Caamaño, seguramente o que máis. Cunha fotografía da cova gañou o concurso internacional da Kodak, un dos seus principais premios. E durante décadas vendeu os retratos do lugar xunto as pedras de Barca (e tamén no seu estudo). Otero Pedrayo fala dela en dous libros, nun como lugar e noutro como lenda. O poeta local Gonzalo López Abente deulle moita fama, grazas ao poema publicado no 1925, A Buserana . Monte Cachelmo, ti tes/ negras, moi negras entrañas;/ nelas rebuldan treizoeiras/ as ondas que o mar espalla. / Coa túa altivés, Cachelmo,/ non me enganas, non me enganas,/ que antre os teus penedos brancos/ e as túas verdes carrascas/ agochada tes a boca/ da furna da Buserana. O Cachelmo, situado preto do núcleo de Muxía, na estrada de Touriñán, é, en efecto, a referencia para baixar cara a furna, pero mellor non facelo. Non é doado. Era máis doado antigamente, cos camiños dos percebeiros, as raposeiras, e sempre con moito tino. Mesmo hoxe, visto dende arriba, o lugar impresiona. O mar entra bravo na cova, que ademais ten moita fondura. Ás veces parece que ouvea do ruído forte que fai. É posiblemente a maior furna do litoral de Muxía, e dende un lateral parece cortada a machado.

Vaivén

Ese vaivén fero do mar inspirou tamén aos poetas contemporáneos como o ceense Miro Villar, menos bucólico que López Abente e máis directo cara outro gran: O mar esperta cedo, debruzando nas rochas, / eun brazo tumultuoso penetra ben adentro/ na esvaradiza furna da buserana, labios/ pedregosos reciben o contacto salobre/ das lúbricas areas como carnes abertas.

A furna recibe o nome da coñecida lenda da Buserana. A que fala do castelo ou similar (o castro de Xanzón ou Xansón) que había precisamente en Os Castelos de Moraime (non confundir co lugar de O Castelo, en San Martiño de Ozón). O dono da fortaleza era o pai de Florinda, unha fermosa damisela. Cando o pai se ausentou para loitar, chegou ao lugar o trovador Buserán, que engaiolou a Florinda cos seus cantos e poemas. Pero o pai regresou e opúxose a esa relación. Malia á oposición paterna, que mesmo levou e pechar nunha habitación á filla, o artista seguía cantándolle á rapaza dende os outeiros próximos. Ata que se lle esgotou a pacencia e decidiu matalo. Os seus soldados tirárono ao mar precisamente na zona agora chamada Buseran. Florinda, xa solta, andivo na súa busca, pero non había maneira de atopalo. Ata que berraba por el xunto ao Cachelmo, porque do fondo do mar escoitaba a voz do amado. Unha onda chegou a onda ela e levouna ata o fondo. E alí quedou.

Contábase que os mariñeiros, ás veces, escoitaban por alí as cancións de Buserán, na que xa é a cala da Buserana.

Esta lenda, e outras moitas que ten Muxía, de seguro entrarán a formar parte do Proxecto Buserana do Concello de Muxía.