Modesto Fraga presentou o seu último poemario a bordo do «María Elena»

La Voz

CARBALLO

07 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O escritor fisterrán Modesto Fraga presentou o domingo o seu último libro, Mar de ausencias -publicado por Follas Novas Edicións na súa colección Libros da Frouma-, na súa localidade natal, rodeado de amigos. O intelectual quixo facelo a bordo do barco María Elena, propiedade de Oliver Moure Santos e que na actualidade realiza rutas turísticas pola costa. Os asistentes a este singular acto puideron gozar dunhas privilexiadas vistas ao longo da travesía, que cubriu o traxecto polo que transcorren moitos dos seus poemas. Ademais, o acto serviu para homenaxear aos mariñeiros afogados na costa fisterrá.

De feito, o intelectual aproveitou a ocasión para pedir ao edil de Cultura que o Concello levante un monumento polas vítimas do mar. «Non o temos, e creo que o normal sería que o houbese no peirao», explicaba onte Modesto Fraga. O concelleiro comprometeuse publicamente a levar ao próximo pleno esta petición.