«Mula», unha mascota máis

S. G. R.

CARBALLO

Come na man do amo, atende gran cantidade de ordes e entra e sae da casa. Así é este animal de cinco anos que vive en Montemaior e que de salvaxe non ten nada.

31 oct 2008 . Actualizado a las 12:40 h.

O comportamento do porco listo Quinín de Dumbría é un caso moi chamativo, pero non excepcional. Ten un primo lonxano no lugar de Batalo, na parroquia larachesa de Montemaior, que non lle anda moi distinto aló no carácter.

Non é primo, que é prima. Chámase Mula. É un xabaril femia de cinco anos, forte, tranquilo. Non aparenta ter nada desa fereza (depende do momento) que se lle supón aos xabarís. Dende moi pequeniña criouna Ramón Bértoa, experto cazador e preparador de cans. Estivo sempre con el, e segue e seguirá: «Nin a vendo nin a mato, iso téñoo claro. Estará comigo ata que morra, afirma. Iso pode suceder en calquera momento, pero, polo normal, un xabarín vive unha década, así que teóricamente, a Mula quédalle outro tanto de vida como a que leva. E non é a súa mala vida. Ten un cocho (lugar axeitado) amplo, duns dez metros cadrados, con cama de palla. Come ben. E come na man se lle dan. «Cando lle dou as castañas, cóllemas con moito coidado, para non facerme dano cos seus dentes», explica. Tamén é de bo dente: landras, millo, verduras. E amoras, amoriñas das silveiras. «Esas si que lle gustan. As que xa están maduras, pero tamén as verdes [así chamadas, pero son de cor vermella]. Cólleas ela coa boca, e cando están a unha certa altura e non lle chega, mira para min pedíndome que llas colla eu e que llas dea». E vai Ramón, cólleas e dallas.

A mirada do xabaril é un dos medios e comunicación que teñen entre os dous. O outro son as palabras do dono. Neste cinco anos xa aprendeu, e respecta firmemente, un vocabulario moi amplo. Déitate, vente, vaite, sube, baixa, ao remolque... Ou, directamente, «¡Mula!». Alí onde estea a porca ergue as orellas e vai correndo cara Ramón, como se fose un can. De feito, parécese moito a eles no comportamento. Leva moitos anos a canda eles, polos camiños e polo corral, paseando e compartindo cousas. Ninguén se mete co outro, cada un anda ao seu. Mula prefire aos humanos. Quere que a agarimen, no lombo e na barriga. Que lle dean comida, que xoguen con ela. Entra na casa de Ramón, sae, vai ao seu ritmo tranquilamente. Encántalle que lle boten auga, que a duchen, andar limpa.

Nestes anos, Mula criou tres xabarís. Un deles está na casa dun veciño e xa apunta boas maneiras domésticas. O tempo dirá.

Preguntado polo caso de Quinín, ao que lle espera a venda a unha entidade protectora de animais ou a morte a coitelo, Ramón responde seguro: «A min iso non me gusta. Eu a Mula tereina comigo ata que morra».