Suso Lista e Omar Rabuñal lánzanse á conquista do portal de vídeos Youtube

La Voz

CARBALLO

Teñen preparadas más de 70 historias coas que pretenden percorrer toda Galicia.

17 oct 2008 . Actualizado a las 11:58 h.

O director coruñés Omar Rabuñal, e o seu actor «fetiche» -iso asegura el-, o cormelán Suso Lista, acaban de lanzarse á conquista de Internet. Concretamente á conquista do portal de vídeos Youtube, no que veñen de colgar unha serie de historias curtas titulada Para mariñeiros nós, e composta por un número aínda indefinido de capítulos que teñen como nexo común aos mariñeiros Pinto e Coviñas.

«É unha serie feita en Galicia, de Galicia e para Galicia e que quere dar a coñecer a nosa terra», asegura Suso Lista no vídeo promocional. O seu obxectivo é gravar pezas en distintos pobos da comunidade e, segundo dixo Omar Rabuñal, «que nelas participen todos os veciños que o desexen». Que participen e que financien, xa que, ao mesmo tempo que buscan actores, buscan tamén financiamento para que Para mariñeiros nós poida saír adiante. «Queremos facer pezas pequenas que teñan un custe pequeno, mínimo, pero falaremos con concellos e asociacións para que nos axuden», explicou Rabuñal.

De momento, os co-guionistas xa teñen escritos máis de 70 historias, nas que Pinto e Coviñas son os protagonistas absolutas. As dúas personaxes naceron da man dun corto gravado en Boiro hai uns anos, A crise da pesca , e volveron á vida noutros rodaxes como A morte ten un prezo , unha comedia con escenas desternillantes nas que os dous mariñeiros substitúen ao enterrador do pobo, de vacacións nas Canarias.

Estes dous capítulos e outros como Matreros de medianuite , rodado en Corme e baseado nunha historia real, ou Por que chove e Botellón xa poden verse en Youtube. Basta con meterse na páxina web (www.youtube.com) e buscar «Para mariñeiros, nós».

No portal de Internet tamén poden verse algunhas tomas falsas e outros traballos de Omar Rabuñal e Suso Lista. O seu proxecto que non fixo máis que comezar xa está a ter un gran éxito, xa que algunhas das súas historias xa foron vistas por máis de 4.000 internautas. Os comentarios que deixan son, ademais, moi positivos.

Quizais acaben en Hollywood. E non serían os primeiros que dan o salto a alfombra vermella dende Youtube.