«O plano acuícola aporta postos de traballo e moi pouco impacto»

CARBALLO

Médico de formación asentado dende hai máis de vinte anos en Vilagarcía, ocupa o cargo de secretario provincial e coordinador dos socialistas en Pontevedra

03 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Modesto Pose Mesura non para de soarlle o teléfono móbil. É o que ten coordinar politicamente a todos os socialistas da provincia de Pontevedra, e resolver todos os problemas que se van producindo nalgúns municipios. Chaman de Mos, de Silleda, de Gondomar, de Tui... É o que máis tempo lle consume, pero gústalle, sobre todo polo trato coa xente. O seu carácter tranquilo e falador vaille ben para este labor, que, dende fóra, parece moi duro e ingrato. Pero, ademais deste traballo de partido, Modesto ten o propio como deputado autonómico, no que leva xa dous mandatos consecutivos, compatibilizando a portavocía da área de Sanidade do seu grupo, cos cargos de membro da Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego, e presidente da Comisión de Pesca e Marisqueo.

Malia a súa vinculación estreita con Pontevedra, Modesto Pose -irmán do subdelegado do Goberno na Coruña, José Manuel- é malpicán de pura cepa, nacido na aldea de Barizo no día dos Santos Inocentes do 55, así que xa lle queda menos para os 53 anos.

-¿Como chegou vostede á política?

-Empecei a militar no PSOE aló polo ano 1973, cando mataron a Allende. Para min aquilo foi un revulsivo, pero xa viñan de atrás as miñas inquedanzas. Cando fixen o Bacharelato na Universidade Laboral da Coruña xa había certa movida crítica e funme involucrando. Non hai un momento determinado, foi unha combinación de factores e de anos. Tamén me influíu moito, a nivel de ideas, a figura de Xelucho Abella Chouciño.

-Vostede estudou Medicina. Tamén xermolaría aí a vocación política.

-A política xa estaba, máis ben a vocación médica. De feito, eu ía facer Química, pero meu irmán díxome que fixese as probas de acceso tamén para Medicina, por se acaso. O traballo que me tocou preparar foi a práctica médica no Antigo Exipto. Gustoume tanto que aí naceu a vocación. Pero, si, a política tamén me ocupaba moito tempo, tanto que en terceiro tiven que deixala algo de lado para asegurar os estudos, porque estudaba con becas, e tamén traballaba na residencia de San Agustín de camareiro. Así gañaba a comida.

-Naqueles anos, ¿eran moitos os socialistas activos en Santiago?

-Que va, eramos moi poucos. Podo dicir que eu contribuín algo a que aumentase a afiliación, todo estaba empezando. Eran anos intensos. Lembro que cando Felipe González e Alfonso Guerra viñeron a Santiago por vez primeira, estiveron no meu piso, na rúa Fernando III El Santo.

-¿Tivo actividade política en Malpica?

-Claro, son de aí e aí empecei. Tras acabar a carreira, nas primeiras eleccións municipais, presentámonos todos os partidos xuntos. Nas seguintes xa formamos o grupo do PSOE. Lembro a Goriño, ao señor Cadeiro... Axudamos a gobernar ao BNG, estaba Cancela. Eran anos bonitos, e fixemos cousas en cultura, en obras, dentro das limitacións orzamentarias que había. Daquela tamén traballaba como médico en Malpica, onde lograra unha praza de substitución.

-Vostede xa leva moitos anos en Vilagarcía. ¿Como se vive un traslado así? ¿Bota de menos a terra?

-Na primeira fase sénteste un emigrante. Na segunda, estás como co corazón partido, es de aquí e es de alá, e cos anos, vaste consolidando e asentándote no sitio, pero os vínculos cos Costa da Morte e con Malpica mantéñoos constantemente, iso non se perde.

-¿E como ve a Costa da Morte desde o punto de vista político e de acción de goberno?

-Moito mellor dende que o secretario xeral do PSdeG e presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, decidiu impulsar e poñer en marcha un plano específico para esta bisbarra. Un plano en conxunto, non unha cousa aquí e outra alá. Unha autovía, vías de alta capacidade, solo industrial en zonas determinadas con vías de comunicación, un gran peirao comercial en Brens... Trátase dunha acción coordenada que lle dá un pulo enorme á Costa da Morte.

-Dende o PP alegan que esas non son máis que as obras que eles planificaron.

-O PP non desenvolveu nada. Moito falan do Plan Galicia, pero non sabían que era, non había moito máis que o famoso parador escrito nun papel. Os proxectos son cribles cando, como agora, tes diante os proxectos, os estudos informativos, as licitacións, as execucións. Este Goberno está cumprindo, e moi ben, coa Costa da Morte.

-Vostede preside a comisión de Pesca do Parlamento e ademais é de Barizo, ao lado de Seiruga, onde está prevista a unha planta de peixes planos. ¿Que opina do famoso e polémico, sobre todo nesta zona, plano de acuicultura do seu Goberno?

-En primeiro lugar, o que xa é un avance, e é que hai un plano para a acuicultura, que é unha actividade estratéxica para Galicia, e non se pode prescindir dela. Márcanse uns sitios, o sector sabe onde funciona, hai trámites, informes técnicos. É un proceso que segue unha normas. ¿Que a min me guste máis ou menos o de Seiruga? Como na miña profesión médica, hai que avaliar beneficios e riscos. No caso da acuicultura, o beneficio é claro: este plano aporta postos de traballo, dos que non andamos sobrados e veñen como auga de maio, e moi pouco impacto ambiental. Eu vin como quedarán os proxectos, a auga depúrase, hai estudos feitos. No caso de Barizo, este impacto é mínimo, case nin se verá, porque irá todo rodeado de árbores. Eu sinto moito discrepar con algúns veciños, pero así vexo as cousas. O primeiro que fixen cando me enterei da zona foi indagar nas súas características. Se se pon nunha balanza, as vantaxes son máis que os inconvenientes.