«Levo nisto do mar dende os 17 anos, que foi cando marchei para África»

CARBALLO

16 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Isidro Mariño é piloto do Chasula, barco no que se levan a cabo as rutas marítimas entre Camariñas e Muxía inauguradas fai uns días. Ten como característico unha pipa e, sobre todo, a súa simpatía e amabilidade á hora de darlle a benvida a bordo aos navegantes. Naceu o 8 de agosto de 1958 en Vilagarcía e nótase a súa paixón pola navegación.

-¿Canto tempo leva nisto do mar?

-Dende os 17 anos, que foi cando marchei para África á pesca do polbo e das luras. Despois funme ao Gran Sol. Aínda que tiven un pequeno parón, sempre estiven ligado ao mar. Ademais, recomendáronmo por saúde, polo que non houbo ningún problema. Se por min fora estaría todo o día metido dentro da auga.

-Tamén é xerente de Intramar, S.L. ¿A que se adica esta empresa?

-Trata de potenciar e de recuperar e protexer o noso patrimonio marítimo, a cultura da xente do noso mar, sen desbotar a ninguén. Porque é un patrimonio que se está esgotando e destruíndo a pasos acelerados.

-Co «Chasula», o obxectivo será tamén un pouco ese.

-Si, son rutas náutico-turísticas a desenvolver entre Camariñas e Muxía. O que pretendemos é tamén integrar á xente do lugar, xente do mar, que conta con moita experiencia. Trátase de transmitir os seus coñecementos, a súa profesión tan difícil, de revalorizar os seus produtos. En definitiva, de manter o medio que nos rodea, o medio mariño.