A toponimia de Galicia, estudada dende Carballo

CARBALLO

Cabeza Quiles edita un voluminoso e completo libro máis de 700 páxinas sobre os nomes de lugar

25 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Chámase Toponimia de Galicia. Guías AZ . Con este título xa se di todo, pero onde se le é ao abrir a tapa dura deste volume luxosamente encadernado editado por Galaxia: aparecen de seguido máis de 700 páxinas sobre, efectivamente, os topónimos de Galicia, un campo de investigación no que o autor, o carballés Fernando Cabeza Quiles, é un autoridade galega. Son moitos anos de dedicación, de investigar entre leiras e camiños, «e de gastar dous coches de tanto andar» percorrendo lugares para facerlle a autopsia ao nome e saber quen llo puxo e por que. Xa o dixera nunha entrevista en La Voz: «A toponimia é unha paixón, é como escoitar aos avós dos avós». E, en Galicia, unha paixón dura e estensa, porque nesta terra concéntranse a metade dos lugares que hai en España. Non todos son obxecto de análise, xa que, como é sabido, centos de nomes repítense e a orixe é a mesma. É o que se chama técnicamente carácter de sistema da toponimia , que explica que un sitio se nomee igual aquí que en Portugal ou Castela.

Fernando Cabeza xa ten escrito moito sobre este tema. Por iso toca, ou tocou xa, case todos os lugares de todas as parroquias. De feito, este é o seu terceiro gran libro de toponimia. ¿Hai diferenzas cos outros? Hai. Empezando xa polo volume (grosor), seguindo polo contido (aparecen moitos termos novos, que son a maioría, non tocados ate o de agora; outros, máis desenvolvidos) e pola cor e as fotografías, que fan máis amena se cabe a lectura, incluso para o que pense que indagar na etimoloxía das palabras é un terreo tan enlagado como o de unha braña. Non é falar por falar: un apoio visual de determinados lugares permite entender mellor por que se chaman así.

O autor, que utiliza os seus coñecementos de historia, lingua, xeografía e botánica para arar no pasado, xa se encarga de facerlle ese labor ao lector. Tamén é certo que non todo é transparente como a auga. Xa o di Cabeza: «O que quere pillar troitas tense que mollar, e sen experimentar as ciencias non camiñan». Quere dicir que, nalgúns casos, cando a cousa non está clara de todo, formula hipóteses sobre por que isto é así ou aquilo é daqueloutra maneira. Outras veces, o que fai é aportar máis dunha explicación posibles.

As imaxes referidas son da autoría propio Cabeza Quiles (centradas nos detalles naturais dos topónimos) e máis de Tono Arias e Paco Vila Barros. Hai algunhas que necesariamente son de destacar, comezando pola da propia portada, dedicada ao santuario da Barca de Muxía e as súas pedras, e algunha do interior, como a de Vilán, Laxe ou Fisterra. O libro vai sobre Galicia e tamén toca algo de fóra, pero a comarca está moi presente. Ou -seguindo- Ponteceso, localidade á que lle dedica un bo anaco. E tamén, por certo, á Costa da Morte como concepto, oportuna entrada nun momento no que se debate o seu pasado e, sobre todo, o seu futuro.