Centos de alumnos da Costa da Morte conmemoran o Día das Letras Galegas

Luisa Gutiérrez

CARBALLO

16 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Día de festas nos colexios da Costa da Morte. Centos de escolares participarán ao longo da xornada de hoxe en numerosas actividades. Serán os primeiros en conmemorar o Día das Letras Galegas.

No instituto Urbano Lugrís de Malpica, os estudantes trasladaranse ata o centro cívico da vila para homenaxear ao escritor que dá nome ao seu centro. Este ano celébrase o centenario do nacemento de Lugrís. Por iso haberá unha presentación fotográfica do autor e os nenos de terceiro e cuarto da ESO recitarán poemas. Despois, farase o mesmo coa figura de Xosé María Álvarez Blázquez, escritor ao que se dedica o día de mañá. O artista Pablo Trasno porá o broche de ouro á actividade cun gran espectáculo que, sen dúbida, fará as delicias dos escolares.

Os Pequerrechos de Carballo, pola contra, sairán ás rúas para facer unha homenaxe ás Letras Galegas. Por segundo ano consecutivo, os alumnos desta gardería celebrarán unha feira en plena vía pública. «Pretendemos así que os nosos nenos gocen cunha actividade tan arraigada a nosa cultura», din desde o centro educativo. Os cativos vestiranse con traxes tradicionais e venderán produtos galegos. En Cerceda, os estudantes asistirán a varias representacións teatrais que correrán a cargo das agrupacións Argallando e Ti eu Máis Eu Teatro. Ademais, entregaranse os premios do concurso literario convocado polo Concello.

Os nenos de Agualada porán fin a unha semana chea de excursións e visitas culturais. Para conmemorar o 17 de maio, a dirección deste centro educativo decidiu que os rapaces saíran a coñecer algúns dos lugares máis representativos da Costa da Morte. Hoxe, os pequenos farán un percorrido a pé polas parroquias de Couso e Cuns para ver os restos arqueolóxicos e das antigas minas de volframio e caolín. Sen dúbida, será unha xornada diferente e que interromperá a rutina académica dos pequenos da comarca.