JOSÉ MANUEL PEQUEÑO CASTRO | Alcalde (PSOE)
José Manuel Pequeño analiza o feito e as tarefas pendentes.
-¿Haberá Plan Xeral de Ordenación Municipal axiña?
-Acabamos de recibir unha subvención para a súa redacción, da que se encargará outra empresa, porque a que estaba ata agora váiselle rescindir o contrato, de mutuo acordo. E contrataremos de novo para elaborar as normas do PXOM. Xa houbera avances, estivo exposto ao público fai uns tres anos, e a Xunta mandou facer modificacións. Por exemplo, a Dumbría, a capital municipal, non a poñían como zona urbana. En fin, se na Xunta non están de acordo co que quere o pobo, que o fagan directamente eles e non nos pidan nada. Nós sabemos o que queremos, non pedimos animaladas, senón cousas sensatas e necesarias. Temos unha realidade, aquí non hai os problemas urbanísticos que teñen outros pobos.
-¿Entre esas cousas está o chan industrial?
-Si. Aspiramos a ter, e estamos traballando niso, a gran plataforma loxística da Costa da Morte, de apoio ao porto de Brens, que será o máis importante dos que ten a Xunta. Non será un polígono de naves ao uso, senón unha gran superficie con infraestrutura hoteleira, de almacenaxe. Xa lle transmitín a Touriño e á conselleira que estamos niso, e estase vendo que é factible e interesante. Hai que facer aínda moitos estudos.
-Se isto segue así, haberá parques por todos os lados na Costa da Morte.
-Non pode haber grandes parques en todos os concellos, pero cada un si que pode ter o seu. Pero, insisto, o noso non é un parque convencional, é unha plataforma que vexo moi factible non a longo plazo, senón a medio. Máis preto que lonxe.
-Vostede anunciara que ía haber un albergue de peregrinos na capital municipal.
-Si, estamos niso, tramitando os permisos.
-E un cemiterio de deseño moi chamativo.
-Tamén. Xa está todo preparado e moi avanzado. De feito, as obras non van tardar en chegar. Tamén se anunciara a travesía municipal e están traballando nela. E o saneamento do Ézaro, e xa está adxudicado. Logo hai cousas moi necesarias, pero que se ven menos, como o traballo de mantemento constante, as grandes superficies de xardíns, e algo que me parece fundamental, un plan de emprego, que inclúe os obradoiros. Levamos dous e temos pedido outros.
-Dígame un proxecto para o futuro.
-Un, non, moitos. Pero, por exemplo, quero facer unha conexión peatonal entre O Ézaro e O Pindo, e tamén levar a cabo os accesos á praia de Gures.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios