A asociación veciñal A Cutareira de A Laracha repartirá libros aos nenos a cambio dun debuxo

La Voz

CARBALLO

03 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A asociación de veciños A Cutareira, de A Laracha, organiza un acto cultural con motivo do Día das Letras Galegas. Será o próximo venres, a partir das cinco e media da tarde, na aula de Caixa Galicia, situada no primeiro andar, na avenida de Fisterra.

Repartirán libros infantís entre os nenos e nenas que asistan a cambio de que fagan un debuxo ou que escriban unhas frases en favor da lingua. Disporán de material para que poidan debuxar, pintar ou escribir.

O obxectivo é pasar unha tarde divertida, ao mesmo tempo que se fomenta a lectura en lingua galega.

Unha sesión de contacontos porá fin a esta xornada. O presidente desta asociación, Xosé María Cotelo Freire, quixo animar aos pais e nais a que leven os fillos a esta actividade, e lembrou que se trata dun acto cultural aberto a todo mundo, sexan socios ou non.