A Deputación promove un encontro de política lingüística para os concellos

La Voz

CARBALLO

11 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O Pazo de Mariñán acollerá o día 28 o primeiro Encontro de política lingüística desde as Administracións locais de Galicia, unha iniciativa da Deputación de A Coruña que pretende converterse nun foro «para a posta en común de ideas proxectos e iniciativas a levar a cabo desde os concellos para propiciar a coordinación e creación dunha rede para a normalización lingüística». Neses termos expresouse durante o acto de presentación da experiencia o deputado responsable da área de Benestar Social, Políticas de Igualdade e Normalización Lingüística, o larachés Xoán Sande Muñiz, que estivo acompañado polo presidente da Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística, Nel Vidal, que ademais é o técnico da área en Carballo.

No encontro do día 28 participarán políticos e técnicos de todos os concellos, xa que o primeiro obxectivo é a posta en marcha de «estratexias de acción e coordinación para a promoción social do uso do galego nas Administracións locais», ademais de «deseñar conxuntamente liñas de cooperación e coordinación entre os concellos neste eido». A planificación, na opinión de Xoán Sande, é fundamental «para que estas políticas públicas sexan máis eficaces».

Nel Vidal, pola súa banda, destacou o compromiso da Deputación Provincial no desenvolvemento e a promoción dos servizos de normalización lingüística municipais, e incidiu na importancia de que contén con técnicos cualificados.

Programa

O encontro será inaugurado ás 10.30 horas. No primeiro debate, sobre A responsabilidade das Administracións locais en normalización lingüística , participarán os alcaldes de Carballo, Evencio Ferrero; Outes, Carlos López Crespo, e Fene, Iván Puentes.

A xornada continuará con obradoiros prácticos sobre liñas de axuda para a creación dun servizo de normalización municipal e sobre a elaboración dunha ordenanza ou un regulamento de usos lingüísticos. Pola tarde exporán a súa experiencia as participantes na campaña de dinamización da hostalería de Ames, Rois e Brión. Tamén se falará sobre planificación lingüística e, xa na recta final, actuará Quico Cadaval.