«A clave está en reducir custos porque a calidade da pataca de Coristanco xa está demostrada»

CARBALLO

16 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Antonio Pensado Plágaro leva dende o 1991 ao fronte do Concello de Coristanco. Na súa décimo sexta Festa da Pataca como alcalde, reflexiona sobre a situación do sector.

-¿Como valora a presenza de expositores deste ano?

-Falta algún porque están en plena campaña de recollida do millo, quizais por iso non se vexan ao mellor moitos tractores grandes pero iso está compensado coa moita variedade que hai de outro tipo de maquinaria máis pequena. O importante é que a oferta resulta moi completa e atractiva para os visitantes.

-¿Como lle afecta a festa ao resto da comarca?

-É unha fonte de ingresos e de actividade para todos. Os produtores que se achegan hasta aquí veñen dos concellos dos arredores e a xente que acode á festa moita dela vai comer a Carballo ou a Malpica, porque para nós resulta imposible de asumir tal afluencia de público. É moita actividade concentrada en só dous días.

-¿Que fixeron para garantir a seguridade?

-Reforzamos moito todo o operativo de protección civil. Recibimos apoio dos Concellos de Cerceda, Arteixo, Cabana, Carballo, Zas e algún máis seguro que se me escapa. Estámoslle moi agradecidos a todos eles e tamén a Garda Civil e á policía porque coa súa presenza poderemos responder aos imprevistos.

-¿Contribúe a festa á dinamizar o mercado?

-Por suposto. Grazas á festa a nosa pataca é coñecida en moitísimos lugares deste país e agora, grazas ás tecnoloxías, en todo o mundo. Aparece sempre como referente de calidade.

-¿Cal é a situación do sector?

-Falta produción porque as actuais estruturas non permiten aumentar con facilidade as colleitas.

-¿Que solucións precisa?

-En primeiro lugar hai que abaratar a produción. A clave está en reducir os custos porque a calidade da pataca de Coristanco xa está demostrada, máis que de sobra.

-¿Que medidas fai falta tomar para iso?

-É preciso cambiar as estruturas de propiedade da terra. Fai falta unha nova concentración parcelaria que poña en valor grandes extensións de terreo para o cultivo e, ao mesmo tempo, tense que dar unha profesionalización da actividade, porque nas actuais circunstancias as empresas agrarias non xeran uns beneficios atractivos para a xente nova. Con estas medidas e coa unión de todos conseguiríase eliminar intermediarios e mellor os prezos.