«O coche contamina un 90% menos e gasta a metade»

CARBALLO

O sistema emprega gas licuado do petróleo como combustible en sustitución da gasolina

31 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Mauricio Moreira criouse en Suíza e cando seus pais retornaron, a Vimianzo, da emigración decidiu canalizar as súas ansias de actividade nun proxecto empresarial revolucionario que ten por obxecto o redución dos gases que emiten os coches a atmosfera ao tempo que reduce os gastos en combustible.

-¿En que consiste o GLP?

-Son as siglas de gas licuado do petróleo. Un mestura de butano e propano que ten un custo aproximado de 50 céntimos por litro, a metade que a gasolina.

-¿Como se aproveita nos vehículos?

-Instalase un depósito no sitio da roda de reposto que pode conter entre 40 e 60 litros de gas en estado líquido, almacenado a unha presión de entre 8 e 20 bares. Dende aí pasa a través duns condutos ata o vaporizador que, a través duns inxectores especiais, insíreo no motor igual que a gasolina ,pero en estado gasoso.

-¿Que custos ten?

-Instalalo anda nos 1.500 euros e vai subindo en función da cilindrada. Por eses cartos triplícase a autonomía do coche, que ademais contamina un 90 por cento menos e gasta a metade, porque o consumo é máis ou menos similar, pero o gas é moito más barato.

-¿E o motor non sofre?

-Ao contrario, lubrica moito mellor, polo que baixa o ruído e aumenta a vida útil da mecánica.

-¿Ten garantía?

-As empresas alemanas Frontgas, Stargas e Ecotec son as que subministran os materiais. Ademais, seguen a instalación vía on-line. Cada sistema leva a súa numeración e na fábrica queda constancia da súa posta en funcionamento. Como mínimo ofrecen garantía de dous anos.

-¿Quen o instala?

-Os fabricantes mandan mestres para formar aos mecánicos e ademais dótanos dos aparatos necesarios para as revisión, así como do certificado para pasar a ITV. Aquí en Vimianzo o pioneiro vai ser Talleres Lema, pero estamos expandindo a idea por toda España. En breve contaremos con furgonetas taller, capaces de facer instalacións practicamente a domicilio. En día e medio deixan o coche listo.

-¿Onde se compra o gas?

-Estamos a punto de abrir unha gasolineira específica deste tipo en Vimianzo e tamén temos contactos moi interesados en Pontevedra. Ademais, andamos en contactos coa petroleira Repsol, que ofrece descontos específicos para flotas, empresas de aluguer e clientes cun grande consumo.

-¿Como vai o aspecto empresarial?

-Fixémos a presentación na Feira Multisectorial de Vimianzo. Dende entón non paramos de avanzar. Tanto que levamos dous meses de adianto sobre o previsto e estamos a piques de constituír a empresa.

-¿Cales son os obxectivos do proxecto?

-O fundamental, facer algo polo benestar de todos. Dende 1978 ata hoxe contaminamos tanto como en todo o resto da historia. Se non tomamos medidas, cando sexamos vellos non nos quedará nada que respirar.

-¿Que medidas se deberían tomar?

-En Londres, por exemplo, cóbranlle cinco libras por entrar ao centro aos coches que contaminan demasiado e en Alemania máis ou menos o mesmo. En total, en Europa circulan máis de oito millóns de automóbiles que funcionan con gas. É a principal aposta de futuro e aquí temos que irnos preparando porque antes ou despois deberemos aplicar iniciativas deste tipo para loitar contra o cambio climático.