VERMELLO CONTRA O MAR

Condicións


02/12/2016 05:00

Este domingo participei nun press trip organizado por Turismo Arousa Norte ao redor da idea do mar, do turismo e da gastronomía mariñeira.

Había un bo grupo de xornalistas turísticos de toda Galicia e pasou algo interesante: aínda que non é habitual que os xornalistas nos poñamos de acordo en algo, existía un certo consenso na percepción por parte destes profesionais ao redor da imaxe exterior que daban a nosa comarca e os nosos concellos.

E esa impresión era a de preservación. Chamoume a atención porque o que para nós moitas veces está xa moi tocado ou afectado, para o foráneo é terreo case virxinal. Fronte ao Morrazo ou ao Salnés, a costa galega que comeza no Barbanza e continúa ata Fisterra (e mesmo máis aló) é percibida como mellor conservada e, xa que logo, máis atractiva, por parte destes profesionais.

O motivo é o seu menor desenvolvemento turístico nos anos 80 e 90, épocas de gloria para o Salnés nas que xunto cunha gran lasitude municipal na concesión e control dos permisos urbanísticos, coincidía unha mentalidade popular que non era consciente de que o litoral se estragaba co impacto cementístico. Moitos, aínda hoxe, non o cren.

A conclusión é que na nosa ribeira chegamos ao 2016 relativamente cun bo estado de conservación da fronte marítima e, xa que logo, cunha manchea de oportunidades se preservamos esas condicións naturais.

A crise económica parou aos voitres que querían tirar beneficio das vistas da comarca. Agora está en nós asegurarnos que non volvan cando retornen (se retornan) as vacas gordas.

Votación
1 votos
Etiquetas
Turismo Comarca do Salnés Comarca do Barbanza Fisterra
Comentarios