Imagen:

Celestino Poza: Un pintor e político, home vital, navegante tenaz da cultura


02/12/2016 05:00

Pintaba rostros perplexos, mirándonos desde o outro lado do espello, sumidos no mesmo desconcerto co que os seus familiares e amigos nos vemos hoxe na obriga de despedilo nesta viaxe prematura, tal vez cara eses mundos que reflectía na outra temática principal da súa obra, onde se albiscan siluetas de cidades invisibles, espazos poboados de xeometrías que trazaba como quen constrúe os alicerces dunha utopía.

Amigo dos amigos, xeneroso, traballador incansable desde a concellería de Cultura de Culleredo, á que chegou en 1983, ou desde a Deputación da Coruña, na que dirixiu a sección de Cultura, militaba no PSOE desde moi novo, con dedicación plena ao partido e cunha lealdade non sempre correspondida. Tino era un home grande, no máis amplo sentido da palabra, como un personaxe ciclópeo saído da Odisea, de principios sólidos, vontade férrea e ánimo doce. O seu compromiso xa lle viña de raíz, dunha familia republicana de Pontevedra moi significada na loita contra o fascismo.

Dinamizador creativo e impulsor de múltiples iniciativas, situou a Culleredo nun lugar principal, cunha programación propia dunha gran cidade, onde se dan cita os festivais de jazz ou as primeiras edicións do Foundation Reggae, os ciclos de teatro ou os numerosos encontros cos artistas plásticos e os poetas, que tamén organizaría desde a Deputación coruñesa. A Biblioteca da Poesía Uxío Novoneyra, o Xardín Botánico, o museo etnográfico Torres de Cela ou a sala de exposicións Xosé Rey Lago son infraestruturas fundamentais do seu proxecto. Tamén é preciso salientar a súa dimensión como promotor e artista desde a Asociación de Artistas Plásticos. Foi neste ámbito onde presentou a súa última exposición pictórica que, ironías do destino, titulou Escolma de Urxencia.

Celestino Poza pertence a unha xeración nacida baixo o signo da revolución cubana, criada na esperanza do home novo e a miúdo desencantada coa realidade e a deriva dos tempos. Pero Tino era un home vital, navegante tenaz da Cultura. Hoxe as redes sociais son un inmenso libro de condolencias e todas as palabras converxen nunha aperta moi fonda para a súa familia, en especial para Bea e para os seus fillos Catarina, Roi e Luis. «A pintura é un espello que alimenta o futuro» di o poeta Miguel Anxo Fernán Vello. A nós, os teus amigos, Tino, quédanos o consolo da amizade para transitar no medio deste territorio estremecido.

Votación
0 votos
Etiquetas