Buzón del lector

A solución ás colonias felinas


30/11/2016 05:00

 

D ende tempos inmemoriais o gato convive co ser humano e na sociedade de hoxe en día non ía ser menos. Moitos pobos e cidades teñen que vivir preto de colonias de gatos que por uns motivos ou por outros ficáronse nun territorio en concreto. Cando os veciños se encontran con esta situación poden ocorrer dúas cousas: os amantes dos animais axudarán a que non lles falte de comer e de beber e tentarán facerlle a súa estancia na rúa máis sinxela; e os veciños en contra de que unha colonia felina se instale preto da súa casa desexarán que se quiten de alí o antes posible.

 

Ben é certo que os gatos poden traer moitas molestias para a vida cotiá, como cheiros, ruídos ou pelexas entre eles. Para solucionar esta situación, as asociacións a prol dos animais puxeron en práctica o método CES (Capturar-Esterilizar-Soltar). Para levar a cabo esta práctica hai que comezar por autorizar a unha serie de persoas para que sexan as coidadoras das colonias. Estas levarán un control anotando o número de gatos existentes, o sexo, o seu carácter (se son dóciles ou máis salvaxes), as esterilizacións que se levan a cabo, etc. Asemade, administraranlles comida.

Os gatos familiarizaranse cos coidadores e sentiranse máis cómodos e será máis sinxelo o seguinte paso: a captura. Farase cunha gaiola adecuada para evitarlle incomodidade ao gato. Colocaranse as gaiolas uns días antes e deixaranse alí para que os gatos se vaian acostumando. Unha vez que o gato xa se encontra preparado para a esterilización farase o máis rápido posible xa que resultará un acto de moito estrés para o felino. O postoperatorio durará unhas 48 horas e, unha vez pasadas, devolverase ao gato a súa colonia no mesmo sitio no que se atrapou. De tratarse dun gato dócil e facilmente sociable, porase en adopción.

O proceso non acaba aí, xa que os coidadores farán un seguimento para que os felinos se recuperen de todo e saber se a súa conduta segue a ser a mesma ou se hai cambios, e vixiar posibles novos individuos que aparecen, xeralmente, por abandono de gatos domésticos. As colonias esterilizadas e controladas reducen o seu número de membros de forma natural.

O método CES require tamén apoio dos veciños, xa que as esterilizacións e a alimentación dos animais precisan de cartos para levarse á práctica. As colonias felinas van a existir sempre e son precisas para o control de insectos e roedores, polo que tamén fan unha boa labor social. Temos que comprender e actuar sendo responsables en todo momento e manter unha boa vontade para que se resolva o problema das molestias das colonias, e o método CES é o adecuado. Dende as asociacións que loitamos por isto, precisamos a colaboración dos veciños e temos esperanza de que así sexa. Por eles, por nós. Cintia París. Muros

Envíe sus textos a redac.barbanza@lavoz.es

Votación
1 votos
Etiquetas
Feria Electrónica CES Francia Muros
Comentarios