Cando les un deses libros...

pedro campos

BARBANZA

16 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Unha paisaxe chea de verbas esotéricas pode facer que te sintas confuso? perdido na brétema un día á noite. Contraditorio?

Acta xudicial: «Suxeito acusado de intentar influenciar no pensamento das persoas dicindo que hai outra realidade detrás dun muro(?) que el mesmo fixo que se convertese en labaradas».

Cando te preguntas se a ilusión e a realidade son sinónimos, voltas a ese estado de perplexidade que te leva á caótica barafunda do mundo intelixible rexido por todo o que lle faltaba por saber ao Sr. Tóseca, e que nunca ninguén chegará a saber? ou a comprender. De todos os xeitos, comprender algo que vén doutro mundo entendo que poida resultar complicado, incluso para algunha parte do noso corpo que xa o sabía.

Parte médico: «Confusión absoluta, euforia, analxesia, alucinacións visuais e auditivas, notable dilatación das pupilas, diminución da presión arterial. Admírase por movementos e demais a sensación da perda de peso, visión agrandada dos obxectos e alteración na percepción espazo-temporal, o paciente está totalmente fóra de si».

Os pensamentos vólvense difusos e acabas de queimar o muro, descobres o ilusoria que era a túa realidade; enxergas a verdadeira veracidade, que non é máis que outra ilusión ficticia na que atopas algo máis que as sombras que te ataban á ignorancia, o único tanxible no seu palangre. E agora abres ese libro que te agarda ao final do dédalo paisaxístico; o único labirinto que conduce ao arroubo. Xa non hai límites para ti, e o ruín da vida atópase nunha caixa imposible de abrir, inviable de percibir, facéndoche pensar que aínda queda algo por pasárseche de longo, de algo que remata ou de algún sentimento, orixe, razón ou sentido que a ninguén lle importa. Son cousas do traxecto? ou do momento talvez; tamén son continuas escusas para manterse de pé. Pero agora xa non serve ningún pretexto e sería un chiste levantarse porque volverías caer cantas veces o intentases.

Condena a morte.

Sabor amargo. Sentín correr a brea polas veas como se das rías se tratase; todo remata, este mundo ilícito e mórbido déixame sen condolencia e agarda a que me arrepinta de xeonllos ou proteste como outros. Non. Só quedan na miña vida os coñecementos e os recordos desa canción feiticeira, leda e eterna? mentres todo dá voltas en perfectas circunferencias sen sentido.

Este é o fin; belido amigo? este é o final, meu único amigo, o final.

Pedro Campos García

estuda segundo de Bacharelato no IES Praia de Barraña ao tempo que fai noveno de conservatorio en Noia. Afeccións: a guitarra, ler, escribir, o rugby e a capoeira.