Carreiráns e Carreira

Matalobos< / span>Víctor Reiriz Lampón

BARBANZA

14 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

on quedan xa en Carreira camiños sen asfaltar ni casas sen luz eléctrica, pero consérvanse aínda e para sempre as alboradas de xeada e as tardiñas vermellas. Non morreron tampouco nin nunca morrerán, porque son sinais da súa identidade, as bolboretas bulideiras, nin a comuñón de nenos e vellos, nin a alma solidaria de todos os veciños.

A calor recibida nas últimas eleccións municipais por quen isto vos conta déixame nos beizos o sabor da paixón pola aldea onde nacín, onde vivo e onde quixera morrer. Orgullo dos que seguimos vivindo nela a nostalxia dos que xa non, a miña aldea é capaz de mirar ao futuro con infinita ilusión e de conservar a lenda do home do saco para levarse aos nenos desobedientes.

Terra querida onde o balón no adro da igrexa non deixa de rodar, onde Internet convive co tute, onde os coches berran menos que os grilos e as farolas son incapaces de xubilar os vagalumes. A miña xente deume o seu apoio o pasado 22 de maio dun xeito que me leva a gardar os rostros de todos entre as miñas mellores lembranzas.

Déronmo con naturalidade, como o dan sempre que nace un meniño ou morre unha avoa, pero tampouco esquezo que déronmo por compartir todos xuntos este amor infinito pola patria diminuta.

Quixen que pasara un tempo para ordenar as ideas, para aclarar o que é o primeiro e o que vén despois, e sobre todo para discernir se lle debo máis á xente ou á terra ou viceversa, pero hoxe ríndome porque o vexo imposible: eu nunca saberei distinguir entre carreiráns e Carreira.

N