Agora é cando, Barbanza é onde

Andrés Teira

BARBANZA

03 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

As estatísticas mensuais de desemprego semellan os prazos dunha hipoteca. Atopámonos nesa resaca motivada pola excesiva dinámica de endebedamento á que chegaron tanto os grupos empresarias como a sociedade, que apadriñados polas entidades financeiras, apostaron unidireccionalmente pola construción, esquecéndose da diversidade produtiva. Compre ós grandes grupos económicos e ós gobernos reactivar a pluralidade sectorial do tecido produtivo.

Inculpar só ós donos do capital e ós dirixentes políticos da magnitude da crise pode que aparentemente sexa esaxerado, pero si teñen a responsabilidade de ter creado unha situación ilusoria de capacidade adquisitiva alonxada da realidade. Foron e seguen a ser axentes destacados do estancamento, e na mesma medida deben comprometerse a ser os grandes protagonistas na saída da crise. Hai que ollar a situación dende a importancia da súa gravidade, pero tamén con esa obxectividade debemos ser conscientes de que nunca se dispuxo de tantos medios nin da actual capacidade para facer fronte a unha crise.

Barbanza non é unha illa. É certo que temos algún sector, coma o conserveiro, que lle está sacando peito á crise, pero a comarca non cabe só nas cadeas de enlatado. Temos necesidade dunha ampla infraestrutura industrial, procurando posibilidades para a saída dos produtos e o asentamento das vendas. Isto non vai ser posible dende o individualismo político. Se cadra, podemos empezar por demandar o establecemento dunha gran área industrial con servizos e tecnoloxía avanzados, un equipamento que permita xogar na primeira división. O único xeito de loitar contra o desemprego é crear empresas produtivas, e para evitar outra diáspora necesitamos o esforzo de todos. Hai que facer unha fronte común para non pasar a vergoña de deixarlles os nosos fillos un país con menos posibilidades que o que recibimos.