«Ser muller gaiteira impúxome respecto, pero gozaba tocando»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

29 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Quizais xa cando a bautizaron como Eclíptica Orbita eran conscientes de que esta rianxeira ía ser unha muller distinta ás da súa época. O nome púxollo o seu padriño, afeccionado á astronomía. O que seguro que non sabía entón era que, co tempo, a súa afillada se convertería nunha pioneira no eido da música tradicional galega. Na década dos sesenta, asombrou ao mundo percorrendo Galicia cun bombo na man. Foi a raíz desta incursión no terreo folclórico cando decidiu facerse chamar Maruxa, «un nome máis enxebre».

Está claro que o feito de contraer matrimonio cun gaiteiro, Xosé Romero, fundador do grupo Os Rosales, marcou o futuro de Maruxa. Aínda así, ela recoñece que entrou no eido musical por casualidade, pois daquela era impensable que unha muller agarrara un bombo ou unha gaita: «Os Rosales ensaiaban aquí, na casa, e eu ía onda eles e suxeríalles cancións para tocar. Sempre me dicían: Que mágoa que non sexa un home para vir con nós».

Pero un día, a Maruxa Miguéns chegoulle a súa oportunidade: «Un membro do grupo caeu dun palco e rompeu un brazo. Os Rosales tiñan un feixe de contratos que atender e non atopaban a ninguén, así que eu ofrecinme a ir con eles. En oito días que faltaban para a primeira actuación conseguín preparar a marcha das procesións, ensaiando ata as dúas da madrugada».

Lembra, como se aínda tivese sido onte, aquela celebración do Rosario de Leiro do ano 1962, a súa primeira festa como gaiteira: «Todos quedaban abraiados ao verme. Despois tocamos coa París de Noia en Mazaricos, a alí chegaron a comentar: Mirade un gaiteiro vestido de muller».

A rianxeira asegura que se sumou ao grupo folclórico do seu home coa idea de que fora unha ocupación temporal, pero foi tal a aceptación que espertou que se viu obrigada a continuar: «Eran moitos os que viñan ata Asados co fin de contratar ao grupo de gaitas da muller. Ás veces tiñamos catro e cinco comisións de festas á porta».

Críticas iniciais

De feito, Eclíptica Orbita nunca máis puido afastarse do bombo. Non se arrepinte de ter tomado esta decisión, pero lembra que os comezos non foron doados: «Sei que ao principio me criticaban, porque moitos pensaban que tiña que estar na casa, coidando dos meus fillos. Ser muller gaiteira impúxome respecto, pero gozaba tocando. Cando me subía a un escenario non me importaba o público, o único que quería era defender o meu traballo».

Ademais de «gañar un peso», Maruxa recoñece que tamén lle gustaba ter ao seu home baixo control en todo momento: «Todas as mozas andaban ao redor dos músicos».

E Os Rosales eran un grupo con prestixio: «Percorremos toda Galicia, estivemos nove días na Expo de Sevilla e outra semana en Madrid, coincidindo co ano Castelao. Actuamos no Palacio de Congresos de Barcelona, en Asturias, en Portugal e incluso estivemos un ano en Bruxelas».

Foi un traballo duro: «No verán había que andar case todos os días dun lado para outro e tiñamos que durmir no coche, aproveitando os desprazamentos; e logo, chegar á casa é lavar a roupa para a seguinte saída», pero a gaiteira de Asados está «satisfeita e agradecida». Aínda hoxe segue a facer soar o seu bombo cando se lle presenta a ocasión: «Xa non é coma antes, facemos actuacións puntuais, en programas de televisión e así. Aguantaremos ata que poidamos».

No interior da súa vivenda, Maruxa Miguéns cobíxase con frecuencia no seu recuncho preferido, un pequeno estudo no que ela e o seu home almacenan os instrumentos: «A música é o meu refuxio e seguirao sendo sempre».

Eclíptica Orbita Miguéns Lustres, «Maruxa»

75 anos

Música

O estudo da casa no que garda os instrumentos: «A música é o meu refuxio»