O facho dorneiro chegou ao seu destino nun tempo récord

marta noal RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Vinte minutos foron os que precisaron os peñeiros para chegar ao parque Pedra Pateira dende Coroso

21 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Coa tradicional carreira do facho dorneiro deuse comezo á primeira xornada da 63 singradura da Festa da Dorna. Esta vez só foron seis os ousados peñeiros que se botaron a correr portando o prezado obxecto. Pese a ser poucos, conseguiron superar a súa propia marca de tempo, pois fixeron o traxecto, dende o pavillón deportivo de Coroso ata a dorna do parque Pedra Pateira, en tan só vinte minutos.

Co acompañamento da Policía Local e do servizo de emerxencias 112, a media ducia de mozos fixeron, a trote, un percorrido pola avenida da Coruña, a rúa Lepanto e a avenida de Rosalía de Castro. Finalizaron o tramo pola avenida do Malecón.

Comezaron o percorrido sós, pero polo traxecto foron diversos os dorneiros que se viron con forzas de acompañar aos primeiros ata a meta. Outros, pola contra, abandonaron a ruta a medio camiño ou optaron por facela en coche.

Chegada vitoriosa

«Viva a Dorna», «Arriba a festa» ou «Batemos o récord» foron algunhas das animadas voces que se regalaban entre si os dorneiros das peñas Os pintos joden quintos, Arria o jallo e Tabeiróns/as carrallud@s. Conseguir chegar en vinte minutos «e sen adestrar antes», como por alí afirmaban, foi para eles toda unha fazaña.

Esta mesma tamén foi compartida por todos os veciños de Ribeira, que saían dos establecementos para animalos con berros ou aplausos, ao igual que o facían, con estrondosas pitadas, os coches que pasaban polo seu carón.

Troula sen descanso

O glorioso inicio do día fixo que todos os participantes na festa quixeran seguir esgotando as enerxías polas rúas da cidade.

A media tarde, tivo lugar o enjalanamento das fanequeiras, onde as peñas se encargaron de adornar, de formas orixinais, cadanseu bar.

Desde xeito, inician os peñeiros unha dura travesía que non rematará ata o vindeiro domingo, co tradicional desfile do Top Secret. Hai moito que mallar, que dirían algúns, e o mellor é facelo desde o principio entregándose a fondo, como fixeron os aguerridos dorneiros que non dubidaron en enfundar a camiseta.