Un alumno do Espiñeira obtivo o quinto mellor expediente de Galicia
05 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Que non se trabuquen os estudantes que xa senten nas tripas os nervios ante a chegada da próxima selectividade. Para superar airosamente a proba non é necesario botar man de conxuros nin de fórmulas máxicas de memorización, o que conta é a constancia unida a un pouquiño de talento. Polo menos esta é a máxima de Gonzalo Piñeiro, un alumno do instituto de Espiñeira que ben pode aconsellar da súa experiencia ao contar co quinto mellor expediente de Galicia. A media entre os seus resultados en bacharelato e a nota acadada en selectividade supera o nove nalgunhas décimas. Que se di pronto.
Coa maioría de idade cumprida, este brillante estudante quere prepararse na Universidade de Vigo para ser enxeñeiro mecánico, algo que xa se vía vir desde hai anos. Os seus xoguetes preferidos desde cativo eran aqueles que moito tiñan que ver cos aparatos de automoción. Tendo en conta que para el a selectividade foi algo así como un mero trámite, parece cantado que o conseguirá. A súa segunda opción é a enxeñería electrónica.
Ao preguntarlle polo segredo do éxito nos estudos responde con rotundidade que non hai trucos, e que deixar todo para o último día é unha mala costume que non trae bos resultados. «Ser máis ou menos intelixente non é crucial á hora dos exames. Tamén é preciso levar as materias ao día e reservar as últimas xornadas antes da selectividade para facer un repaso xeral. Aprobar é sinxelo, o que é un pouco máis complicado é sacar nota», asegurou Gonzalo.
Un don para as ciencias
Aínda que afirma que non hai nada que temer ás probas de acceso á universidade, admite que o exame de inglés foi o que máis lle custou rematar, fronte ao de matemáticas, algo propio dun alumno con facilidade para facer marabillas cos números e coas máis enredantes fórmulas. Á hora de poñerse diante dos libros a gastar os cóbados, prefire a mesa da súa habitación ás masificadas bibliotecas.
Esta etapa da súa vida de estudante en Boiro que agora remata será recordada con moito cariño por Gonzalo. E o seu corazón pártese entre dous centros, o da Cachada, onde estudou secundaria, e o de Espiñeira, onde rematou de brillar coas súas notas en selectividade.
É precisamente neste último instituto onde o profesorado celebra case cada ano que os seus alumnos acaden algúns dos mellores expedientes a nivel galego. Non son moitos os estudantes os que se reparten polas súas aulas, pero este feito preséntase precisamente como unha vantaxe á hora de coñecer as necesidades de aprendizaxe de cada alumno. Este mesmo ano, varios mozos do centro despuntaron cos seus resultados.
Trato personalizado
Os mestres e orientadores do instituto de Espiñeira non coñecen con exactitude cal é o segredo polo que os estudantes do centro recollen con frecuencia tan bos froitos no bacharelato e nas tan temidas probas de selectividade.
Con todo, recoñecen que o trato personalizado pode ser un factor a ter en conta, xa que as súas aulas non están para nada masificadas.
Recoñecemento
Como cada ano, a Universidade de Santiago de Compostela quixo recoñecer o esforzo dos estudantes de ensino medio de Galicia con mellores expedientes -un nove de media ou máis- tras facer fronte aos exames de selectividade. Este ano os mozos reuníronse no auditorio Gustavo Freire de Lugo.
O acto demostrou que en Galicia e, concretamente, na provincia de A Coruña hai unha boa canteira de alumnos. Os galardoados foron un total de 338 estudantes -129 rapaces e 209 rapazas- pertencentes a 144 centros galegos.
Barbanza aportou moito talento a este encontro e así parece que o seguirá a facer nos próximos anos. As novas xeracións de alumnos veñen pisando forte e é o deber dos mestres e dos seus familiares motivalos para que así sexa. Nos tempos que corren a formación cobra, se cabe, máis importancia da habitual.