«Agora Outes é un concello punteiro da ría de Muros-Noia»

Jose Manuel Jamardo Castro
J. M. jamardo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O rexedor ten postas moitas esperanzas no futuro da localidade

21 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Os veciños de Outes volveron a confiar en Carlos López Crespo para dirixir os destinos do municipio nos próximos catro anos. Con 61 anos, afronta este novo mandato con moita ilusión e un forte compromiso, pois a súa intención é seguir traballando polos outienses e o seu benestar.

-¿Dende cando leva na vida municipal?

-Presenteime por primeira vez no ano 1995 e aquí estou, coas mesmas ganas e ilusión de traballar que daquela.

-¿Como entrou en política?

-Entrei da man de José Luis Torres Colomer. Son un produto del. Coñecino no 1993 aquí en Outes e o primeiro que fixemos foi comer unha fabada xuntos. Enganchoume. Empecei a ir por Ribeira e impresionoume. Un día fomos dende o concello ata a súa casa, e levounos máis de dúas horas. Falando coa xente, recollendo papeis, e iso marcoume. Torres pediume que encabezara a lista en 1995 e non me puiden negar. Ten unha dimensión humana impresionante.

-Desde que se presentou por primeira vez apenas cambiou aos seus colaboradores.

-O membros da lista e os do goberno mantemos unha relación moi intensa. Dos nove que saímos concelleiros, sete estabamos no 1995. Reunímonos todas as semanas, discutimos e debatemos e tenos as nosas discrepancias, pero ao final o que priman son os intereses dos veciños e decidimos o mellor para todos. Ao acabar saímos e tomamos os viños xuntos, pois somos amigos.

-¿Como ve o futuro de Outes?

-Con moita ilusión e moi esperanzado. Agora Outes é un concello punteiro na ría de Muros-Noia pola súa situación xeográfica. Estamos preto de Santiago e temos un futuro turístico moi importante. Ademais, as infraestruturas que temos van darnos un pulo moi forte, pois dentro dunhas semanas imos poñer en marcha unha escola de vela e piragüismo. Tamén o plan xeral vai a ser moi importante para o noso futuro que vai permitir cando pase a crise que se constrúan moitas segundas vivendas. Outra cousa que temos que apoiar a axudar e o sector pesqueiro. Non nos podemos esquecer que son moitos os veciños que viven desta actividade.

-¿Que potencialidades turísticas ten a vila de Outes?

-Temos unha materia prima moi importante, tanto no mar como na terra. A nosa gastronomía e hostalería é do mellor e por iso o turismo ten un gran futuro e niso tamén temos que traballar.

-¿Que espera do plan xeral?

-Vai ser moi importante para nós. Vai ser a ferramenta que nos permita poñer en marcha un desenvolvemento racional e sostible da localidade, e por iso son moi optimista de cara o futuro do noso municipio e os nosos veciños.

«Torres Colomer pediume que encabezara a lista en 1995 e non me puiden negar»