O estado descomposto

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

21 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Nos primeiros anos da democracia tiña o costume de ler moitas sentencias do Tribunal Constitucional, xa que pensaba que era a garantía dun país en convivencia. Unha das primeiras doutrinas manifestadas por tal alta institución foi a de que a España das autonomías era un estado composto, un estado no que cada parte formaba o todo en harmonía. O que entendo hoxe é que o TC xa non pode manter ese principio e que, moi pola contra, estamos diante dun estado descomposto. Convencido disto, asáltame a dúbida de se a culpa desta descomposición foi producida polas partes ou polo todo.

Fai uns días tiven unha conversa moi interesante cun guiri alemán que axudou ao equipo de protección civil a mergullarme na saudable e salgada auga do Mar Menor e, debullando algúns argumentos da situación española, díxome que en Alemaña non se entendería o descaro nin a impunidade con que aquí se rouba nas administracións, concretamente nos concellos, tema que el coñecía pola súa dedicación empresarial no eido da construción.

Despois de analizar o reparto de poder nos da bisbarra e tamén a súa presenza na Deputación ou na Federación Galega de Municipios e Provincias, Fegamp, e lendo en profundidade moitas das entrevistas feitas por este xornal aos nosos mandamais saídos do 22-M coido que a cita electoral non vai supoñer máis que un troco de cromos ou un suma e segue.

Son moitos os que din que é preciso traballar máis, cobrar menos e vincular os salarios á produtividade. En certo modo así terá que ser, pero tamén é certo que desta situación non é culpable a clase traballadora, aínda que si. Explícome. O problema do noso mercado laboral está nas carencias formativas froito das erradas políticas educativas públicas, por iso cando agora se pide unha implicación municipal no arranxo do desemprego non se entende que a solución sexa, por exemplo, pedir máis chan industrial con tantas empresas pechadas. Se iso é todo o que se lles ocorre podiamos ter aforrado a liturxia das urnas.