O investigador Manuel González gaña o Leixaprén de audiovisual galego

raquel iglesias RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Cerca de 200 alumnos de toda Galicia e directores de cine arrouparon o acto

28 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Nin unha faragulla de enerxía creativa que xurde nos centros escolares de Galicia pode perderse. Con esta máxima celebrouse onte no instituto de Porto do Son a entrega do premio Leixaprén, que este ano recaeu no investigador e gran impulsor do cine que emana desta terra, Manuel González Álvarez.

O que foi ata o ano 2009 director da Axencia Audiovisual Galega recolleu o galardón na casa de cultura do municipio arroupado por cerca de douscentos alumnos chegados de tódolos recunchos da xeografía de Galicia.

O homenaxeado recibiu un orixinal obsequio, unha caixiña de madeira que elaborou para a ocasión a artesá María Queiruga, e que gardaba no seu interior os planos dun antigo cine. Desta maneira quíxose recordar que Manuel González medrou na cabina de proxección na que traballaba seu pai, constituíndo xa de adulto canles de produción do audiovisual, algo que onte quixeron agradecerlle os asistentes á entrega do Leixaprén. Nas súas palabras de agradecemento, Manuel González aconsellou aos mozos que valoraran o traballo dos docentes que lles deron as nocións básicas para botar adiante un traballo audiovisual.

Especialistas de prestixio

Previamente á entrega do premio, os alumnos presentaron as curtametraxes e obras audiovisuais nas que traballaron no últimos meses. Xa pola tarde, o Encontro do Audiovisual Galego trasladouse ao instituto, que acolleu as aulas de cine impartidas por especialistas de recoñecido prestixio como Luis Avilés, Mara González, Daniel Domínguez, ou Rebeca Ces, entre outros.

Ademais, os profesores de todos os centros reuníronse co fin de compartir experiencias e seguir fomentando a creación audiovisual do alumnado.