«O PSOE fixo un labor crispado e pouco construtivo»

J.?M. Sande MUROS / LA VOZ

BARBANZA

A cabeza de lista do Bloque en Muros asegura estar aberta a calquera pacto

12 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

María Xosé Alfonso lembra que hai oito anos que milita no BNG. Entrou no partido case sen pensalo. Ao igual que daquela, tamén agora encabeza a candidatura nacionalista en Muros sen que esa fose unha aspiración para ela: «Estás nun colectivo e ás veces debes dar un paso adiante, ben porque ti o ves necesario, ou tamén porque os compañeiros que confían en ti anímante a facelo, como aconteceu neste caso».

-Vostede coñece o Concello dende o goberno e a oposición, ¿que tarefa é máis complicada?

-Facer unha boa oposición é bo para a formación á que pertences, pero tamén para os dirixentes locais. Se non formas parte do executivo podes facer propostas e exercer o control. Se estás no goberno, ademais diso, debes tentar atopar solucións aos problemas da xente.

-¿Como valora a situación do Concello durante este mandato?

-A situación política municipal é peculiar polo pacto ao que chegamos co PP. Os dous grupos tivemos que facer esforzos para non rachar, pero o pacto non resultou peor que outros anteriores. Con respecto á oposición, a relación foi mala, e coido que o PSOE fixo un labor crispado e pouco construtivo no Concello.

-¿Cre que as primarias no BNG para elixir candidato poden pasar factura o vindeiro día 22?

-Descoñezo a repercusión dese feito, aínda que coido que algo pode influír. Pola miña banda non gardo recelos e espero que nas eleccións pasemos de personalismos e defendamos as ideas que todo o BNG comparte. Foi un reflexo da democracia coa que actuamos e de que, aínda que somos diferentes e cada un actúa de forma distinta, compartimos os mesmos obxectivos.

-¿Cales son as bases do seu programa electoral?

-Se acadamos o goberno potenciaremos unha atención rápida e eficaz ás demandas veciñais. Tamén faremos un gran esforzo para combater o paro, e reestruturaremos a brigada de obras para convertela nun grupo eficaz de mantemento dos servizos e instalacións municipais.

-¿Que acontecerá despois das eleccións?

-Se algún dos tres grupos logra a maioría terá que gobernar, e espero que o faga con éxito. Se non fose así, nós partimos sen ningún posicionamento concreto e non estaremos pechados a ningún tipo de pacto no que prime o benestar do pobo de Muros e non afloren intereses persoais.

María Xosé Alfonso Candidata do BNG

1. Un libro.

Calquera novela.

2. O seu recuncho preferido.

O porche da miña casa.

3. Iría á fin do mundo con...

Coa miña familia.

4. Un momento inesquecible.

A visión dos fillos ao nacer.

5. Outro para esquecer.

A morte dun familiar.

6. ¿120 ou 110 por hora?

Dáme igual.

7. Unha cor.

Azul claro.

8. Un político.

Tereixa Táboas.

9. Un personaxe histórico.

Gandhi.

10. Un escritor.

Pepe Agrelo.

11. Actor preferido.

José Manuel Olveira, Pico.

12. ¿O seu deporte é?

Pasear.

13. ¿Telebasura ou grandes documentais?

Documentais.

14. ¿Ordenador ou caderno?

Ámbolos dous.

15. ¿Monte ou praia?

Monte e máis praia.

16. ¿Que lle preocupa?

As necesidades persoais da xente e o paro.

17. Un desexo imposible.

A felicidade de todos.

18. Ensinanza e sanidade, ¿públicas ou privadas?

Ambas públicas en todos os niveis.