«Non me gusta facer leña da árbore caída. Hai que mirar ao futuro»

La Voz

PORTO DO SON

10 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A súa visión da política dende neno, e como esta evolucionou co paso do tempo coincidindo coa súa saída da comarca para completar a súa formación, son outros temas que repasa o rexedor sonense.

-¿Onde pon o seu teito en aspiracións políticas?

-Eu non penso en teitos, penso en ter os pés no chan, en xestionar ben o concello e en satisfacer as demandas grandes ou pequenas dos veciños. Penso sempre en clave de Porto do Son.

-¿Pensaba que chegaría algún día a ser alcalde?

-Cando un é rapaz pensa en xogar, na escola, nos amigos, en xeral non se pensa en política. Pero agora estou satisfeito de ser alcalde da miña vila, gústame traballar polo meu pobo.

-¿Que opinaba do alcalde ou alcaldes do Son na infancia?

-Na infancia xogaba, ía á escola, saía cos amigos e, a verdade, coma todos os nenos non pensaba en política.

-E xa de mozo, ¿cando a vida se abre aos ollos dun?

-Empecei a ser máis consciente dos problemas e a pensar como se deben solucionar, dende unha visión progresista pero moderada. Son máis de feitos que de palabras.

-¿Cal cree que foi o mellor alcalde sonense da democracia?

-Fun maior de idade en 1991, cando fun para Santiago, polo que da política anterior teño un xuízo histórico, pero non tanto unha opinión persoal directa. Así o alcalde que coñecín foi Ramón Quintáns, que penso que fixo moitas cousas. Ninguén goberna a gusto de todos, pero non se lle poden negar as obras realizadas e o seu peso político.

Traballei con el dous mandatos e Quintáns é un home moi válido e traballador, un político nato. Foi alcalde moito tempo, pero soubo ser tamén concelleiro na oposición e agora no goberno. As obras e as melloras da súa época están á vista: centro de día, casas de cultura en case todas as parroquias, a humanización das rúas da vila, pavillóns e pistas deportivas, paseo marítimo e sendas peonís?

-¿E o peor rexedor?

-Non me gusta facer leña da árbore caída. Hai que mirar ao futuro. O pasado xa é pasado.