¿Temos dereito a elixir?

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

05 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Supoño que xa temos esquecida a declaración do estado de alarma pola actuación dos controladores aéreos que rematou cun laudo arbitral, unha decisión moi controvertida dende a perspectiva xurídico-laboral que alguén cualificou de refeudalización, facendo referencia a un proceso que se produciu coa chamada crise do século XIV en Europa e que en Galicia tivo o seu punto máis álxido coa Revolta Irmandiña da que podemos citar a queima da fortaleza das Xunqueiras.

Polos pelos tamén se temperou a ameaza de folga dos traballadores de Aena co peregrino argumento de que non queren perder o status de funcionarios, xa que entenden -eles-, beneficia aos usuarios dos voos.

Nunca entendín que cando os mestres da escola pública ían á folga pedindo incrementos salariais argumentaran que era para beneficio dos escolares. A verdade é que no que atinxe á mellora do ensino, maioritariamente público, o derradeiro informe PISA di que soamente o 3% dos alumnos españois está nos niveis máis altos da OCDE. Coido que aquí temos un problema.

Eu defendo o financiamento do ensino e da sanidade con cartos públicos sen ambaxes. O que non defendo é que eses servizos estean máis garantidos e sexan de mellor calidade se son xestionados directamente polas administracións que por convenios con empresas privadas e podo dicilo así con coñecemento de causa, xa que como alumno fun a escolas públicas e privadas e como doente tiven sanidade pública e privada. Podo asegurar que moito mellor a xestión privada. O problema está en que ás derradeiras xeracións negóuselle, pola vía dos feitos, o dereito de poder elixir médico e centro, como recolle o artigo 13 da lei 41/2002. ¿Están debidamente informados os doentes hemodialíticos de Barbanza da posibilidade de facer, en moitos casos, o tratamento nas súas casas? A ninguén lle gustaría ter que chegar ao copago da sanidade, como suxire o presidente de Murcia, pero os criterios da plataforma barbancesa non axudan a evitalo.