Fichar mañosos

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

15 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Pode que unha das cousas máis curiosas que non vin foi cando me convidou un veciño a unha almazara moderna a onde levou as olivas da súa horta para extraerlles o valioso zume virxe extra para autoconsumo da anada. Digo que non o vin xa que dende que os froitos foron depositados nunha tobeira ata que o amarelo líquido foi saíndo por unhas billas, entremedias había unha inmensidade de ruidosa maquinaria de aceiro inoxidable con todo o proceso agochado. Cando iso pasou, ¿a onde cren me levou o pensamento? A un taller que había na rúa Gasset da Pobra dedicado á invención e fabricación de maquinaria para a industria conserveira.

Lembro que o dono, José, me ía explicando os seus inventos que me deixaban coa boca aberta e dicíame que o seu problema máis grande non era artellar calquera aparello que se lle demandase polos conserveiros, senón as pegas que tiña na Administración para patentalos e poder espallar e diversificar o negocio. José era un «mañas» que rematou no sector inmobiliario cando da súa canteira de traballadores xurdiron algunhas fábricas, o que está moi ben. O que quizais foi unha mágoa é que non seguira facendo experimentos, pois penso que a permanencia da gran industria conserveira na bisbarra algo lle debe a este intelixente home.

Hai uns días escoitaba nunha tertulia ao Secretario Xeral da UGT, Cándido Méndez, dicindo que o gran problema de España estaba na perda da competitividade no sector industrial baseadamente. Non se pode estar máis de acordo. Agora ben, para os que pensamos que unha economía sostible en Galicia pasa polo sector agroalimentario, de seguro que José tería máis ideas que o uxetista para, por exemplo, desenvolver unha maquinaria axeitada á nosa orografía e climatoloxía. Non se poden traballar as leiras con tractores que se espetan nelas a meirande parte do ano, e mañosos coñezo eu que, con menos custos que manter a sindicatos, industrializarían e farían competitivo o noso agro. É unha mágoa que a Xunta non os fiche.