¿Para adiante ou para atrás?

Ambrosio Casenada

BARBANZA

12 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Ningún camiño pode partir de ningures, se quen o quere tomar busca chegar a un final. É dicir, que por algo hai que empezar, tal como foi dito sempre. Como é que tampouco vale camiñar por camiñar, preferir andar a cegas, nin andar pechando os ollos para non ver o que hai, porque non se queira ver máis que o camiño que un segue e leva a ningunha parte. ¿Como se pode pensar, a estas alturas da vida -cando o que pasa na China repercute na Perouta e un eructo na punta de Corrubedo cheira en Estados Unidos en menos que canta un galo- que o mellor para gobernar un pobo (cando menos, como Noia) poida radicar na aposta dos cidadáns a un minúsculo partido con pretensións de independencia política das grandes liñas predominantes, que hoxe dominan de norte a sur e de oeste a leste en España?.

Pois aínda máis abraiante é o feito de coñecer a noticia de que en Noia, fai uns días, foi proclamado publicamente un partido neonato, diferenciado, do que os seus proxenitores «aseguran que su actividad se centrará básicamente en la atención a las demandas ciudadanas». Pero o apamparante é que os seus inspiradores lle proclamen como máxima o interese veciñal, por riba do partidista e en onde a ideoloxía política «apenas tiene peso».

O mesmo que os susoditos, partimos de que os partidos son o instrumento político máis axeitado tamén ás loitas ás que se enfrontan ou diriman os concellos. Mais todos eles pretenden os seus principios teóricos de actuación en liñas ideolóxicas inspiradas nas experiencias dos grandes grupos -xa por non chamarlles clases- sociais máis amplos que os dos concellos. Por isto nos preguntamos: ¿como é que pode un partido enfocar a súa existencia aténdose en exclusiva á intereses de vilegos?.

Por máis que nos remitimos a referencias históricas, non lle atopamos outra: Nin que houbera que volver aos tempos de Franco, pois, que se tal nos vai a marcha, camiñando para atrás, abxurando da política como recurso para poder practicala, moi pronto se chegará.