A Subela fai perdurar o son tradicional cun disco

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

01 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

No mesmo escenario no que iniciou a súa andaina, na sede da Sociedade Liceo de Noia, a agrupación folclórica A Subela erixíase o domingo en protagonista para presentar o seu primeiro traballo discográfico. Trátase dun cedé que leva o nome do colectivo e que ten como principal finalidade conseguir que os sons tradicionais perduren no tempo e cheguen así ás xeracións futuras.

Este disco é froito do traballo que a ducia de persoas que integran A Subela veñen realizando desde hai aproximadamente un ano e medio. Foi daquela cando se empezaron a escoller os temas e a artellar os ensaios. «O que nos empuxou a gravar este cedé foi o bo momento que atravesaba o grupo. Queriamos plasmar o traballo que se ven facendo no Liceo de Noia desde hai moitos anos», explica un dos membros do colectivo, Óscar Prego.

Os músicos noieses fixeron entón acopio das cancións tradicionais que diversos grupos de Galicia foran recompilando ao longo dos últimos anos mediante un intenso labor de recollida de pezas. Seleccionaron as que consideraban máis importantes e acordes co seu estilo e plasmáronas nun cedé.

Tanto á hora de ensaiar como nos preparativos da gravación final, os compoñentes da Subela contaron coa colaboración de Felisa Segade, unha das integrantes do grupo Leilía que se encargou da coordinación dos pandereteiros; e de Fernando Docampo, que foi o músico que dirixiu o labor dos gaiteiros.

Para a gravación de algunha das pezas, o grupo folclórico requiriu a axuda dunha parte dos membros da Coral Polifónica do Liceo. Entre todos, déronlle forma a esta Subela, que ven sendo un conxunto dunha ducia de pezas, entre as que destacan as coplas e as danzas tradicionais.

Nome con historia

Para este primeiro cedé, a agrupación decantouse polo título A Subela, debido á carga histórica que, para os noieses, ten esta palabra. O vocábulo empregábase antigamente para referirse a unha das ferramentas propias dos zapateiros, unha profesión con moita tradición na vila noiesa.

E semella que os veciños de Noia son xente que se aferra ás tradicións, pois a posta de longo da Subela foi todo un éxito. O salón de actos do Liceo presentou o domingo un cheo absoluto e moitos dos asistentes á presentación do cedé marcharon para as súas casas cun exemplar do traballo.

Non puideron resistir a tentación de mercalo despois de escoitar, en vivo e en directo, parte das pezas seleccionadas pola agrupación para este primeiro disco. O concerto de presentación do cedé complementouse coa actuación da sección de baile do Liceo, que acompañou aos músicos en algúns temas, e cunha proxección de vídeos sobre A Subela.

Os afeccionados que desexen máis, deben saber que, cada terceiro venres de mes, este grupo ameniza un serán na cafetería Tapal da vila.