«A etnografía é saber quen somos e por que somos como somos»

Román Arén

BARBANZA

Este autor barbancés dá nome á biblioteca do Froxel (Arteixo), onde naceu Murguía, de quen fixo un arduo labor de investigación

17 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha tarde na Pobra, unha cálida tarde de decembro, permite a conversa demorada e a concreción dunha entrevista. Francisco Antonio Vidal contesta con precisión e amabilidade sobre a súa carreira de escritor. «O primeiro que publiquei foi no 76, algún conto e uns artigos para Ferrol Diario , e El Norte de Galicia . Logo colaboracións en A Nosa Terra , nos 80, todo un reto pola ausencia de linguaxe técnica e experiencia de vocabulario. Falar de cedés, vídeos ou microondas era falar do futuro».

Sobre o xénero literario no que se sente máis cómodo, Vidal di que adoita facer prosa, novela, conto e ensaio, pero os artigos «danme a posibilidade de combinar a ficción e a análise. Con eles gozo moito». Canto a un subxénero narrativo, afirma que cada novela ten o seu momento, e tamén, cada historia demanda un tipo de novela. Tiña que escribir A luz da eclipse para dicir que o lóxico non é que un italiano se pregunte que había máis aló do horizonte, senón que esa pregunta a fixese un mariñeiro que toda a vida estivo mirando esa liña e preguntándose que habería aló.

-En A derradeira decisión quixen falar de que a emigración e as súas consecuencias non é algo que aparecese coas levas de galegos para poboar a Patagonia en tempos de Carlos III; ou que a loita polas cores dun equipo non é unha novidade do deporte actual, que xa pasou na Constantinopla de Xustiniano durante a Revolución Niké ou das cores. Pero a principal preocupación é a de reflectir o mundo que me toca vivir, e como en Galicia a realidade convive co mundo máxico das lendas e das crenzas, é polo que aparecen novelas como O cuarto dos ausentes ou Os chanzos da escada .

Téntoo a que defina a novela: «é amosar un espello da sociedade; e así como cando estamos fronte ó espello tratamos de corrixir os nosos defectos, a novela non corrixe, pero ó menos amósaos».

Interrógoo sobre o estado actual da narrativa galega, e Francisco sinala: «Temos moi bos narradores, escritores que nada lles teñen que envexar ós grandes autores con que nos bombardean os medios. Dito isto, debemos criticar as ataduras a temas xa superados, ou que se fale dunha alma en pena coas características dunha pantasma anglosaxona. A literatura galega é galega porque ten características propias de Galicia».

Pregunto a este creador palmeirán pola súa última novela: «Trato de reflectir o que nos rodea, pero aquí tamén quixen facer un xogo, romper o máis lineal do texto».

Viramos cara á etnografía, que abraia nun home de formación técnica, e sinala: «debemos reivindicar o Renacemento, cando cunha man escribían un verso e coa outra deseñaban un artefacto hidráulico. Un mozo en plena puberdade non pode decidir entre ciencias e letras. A etnografía é ciencia. Coa etnografía sei por que todos os portos da Costa da Morte están ó abrigo do Oeste. E a sorpresa vén ó ver que o famoso Porto Exterior da Coruña se fai cara ó Oeste, e inda nos din cantos días vai estar inactivo ó ano. ¿É iso investir en futuro? Se os enxeñeiros consultasen cun etnógrafo, saberían que están tirando cos cartos. A etnografía é saber quen somos e por que somos como somos. A ciencia amósanos por que as cousas son como son. Se a etnografía nos ensina que "Ceo ovellado vendaval ó rabo", a ciencia explica por que é así. Incluso nos explica por que é efectivo o responso a santo Antonio para encontrar as cousas perdidas ou por que a san Xosé lle floreceu a vara un 19 de Marzo.

-Levas tempo escribindo artigos en La Voz de Galicia... Cal é a función do xornalismo? Evasión ou crítica?

-Os artigos son moi variados, pretendo ir mesturando os temas, tratando de alternalos, política, literatura, etnografía... Creo que os artigos que fago axudan a facer esas preguntas que soen encerrar os textos, que nos obrigan a reflexionar sobre algo, e evidentemente aí xa vai implícita unha crítica, que, non necesariamente ten que ser compartida. -Hai algún novo proxecto no maxín? -Sempre hai cousas pendentes e moi pouco tempo para levalas a cabo, pero, co mellor espírito dos clásicos, «que os deuses da fortuna nos axuden».