Alea iacta est

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

23 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Esta coñecida frase en latín, que ven dicir que a decisión está tomada ou que non hai volta atrás, atribúese a Gaius Iulius Caesar, aquel famoso estratega militar que rematou sendo emperador romano e que co seu asasinato comezou unha guerra civil, é bastante axeitada para a columna de hoxe que reflexiona, unha vez máis, sobre o gran desprestixio que están tendo os partidos políticos hexemónicos que fan posible que xurdan moitos NO.I.A.

Digamos as cousas como pensamos. O noso sistema de representación política podemos cualificalo de varias ditaduras dentro dunha democracia teórica por mor de algo tan sinxelo como sería que se funcionase tan democraticamente que calquera afiliado puidese expoñer, debater e someter á decisión as súas propostas libre, abertamente, sen trampas nin revanchismos. Ao mesmo tempo que, non só todos tivesen o mesmo dereito e oportunidade a ser elixidos como candidatos, senón que iso fose a norma interna desas formacións, nas que a crítica ou a loubanza formasen, cando menos, parte dos debates, algo semellante a como acontece en calquera consello de administración das empresas privadas, tanto en concellos pequenos e medianos onde case todo o mundo se coñece coma nos grandes onde hoxe en día hai uns medios de comunicación alcanzables e plurais. Pois non!. Aquí como fai Marrocos no Sahara! Todo ben agochado e, como di o refrán, Juan Palomo, yo me lo guiso, yo me lo como.

Pero loxicamente estas situacións non xorden ao chou. O exercicio do poder converteuse nunha táboa de póker na que se xogan certos intereses moi concretos en detrimento do que sería o interese xeral. O que estraña é que a xente vote a sabendas de que non elixe o que lle gustaría. Unha das respostas máis ocorrentes que escoitei ao respecto foi a de que «votamos polos que menos rouban». ¡Triste, ¿non si?! Pero velaí a sabedoría popular.

Segundo Lord Acton, o poder corrompe, pero o poder absoluto corrompe absolutamente. Por iso estes pequenos partidos ou agrupacións electorais están resultando moi útiles como contrapunto á prepotencia deste novo absolutismo moderno que deixa en moi bo lugar a Louis XIV, máis coñecido como O Rei Sol.