Popurrí e comentario

Protágoras

BARBANZA

20 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Incómoda indecisión esta que agora me abate, sen que chegue, non obstante, a desviarme da intención á que me obriga a obstinación semanal de escudriñar nas noticias de Barbanza. Trátase, unha vez máis, de recrear noutra visión dunha delas unha vista que, a ser posible, resulte para min reconfortante, pero que siga sendo, ó mesmo tempo, atractiva para quen queira observala, aínda despois de que sexa sometida ó trato que dela faga para volver a expresala, se ben, desta, agora xa destilada en reflexos ponderados a través do Miradoiro Virtual.

Porque estamos sobre o alto do verán, xusto na súa metade de calores e verbenas; cabalmente, cando o tempo nos invita a dar noticias festivas, máis que a exercer a función de ter que reflexionar.

Non é tanto que outras noticias non haxa dunha maior importancia na comarca de Barbanza para poder comentar, de modo que inspiren á temperanza de apetitos, instintos e pensamentos na hora de cavilar. Senón que é que son tantas estas outras, de fervor máis pasional, que se nos dan nestes días cara ó sentir popular, que sendo acordes co tempo, nas súas funcións, crean máis ben incertezas na paixón de comentar e mesmo impulsan á dúbida sobre se é ou non é sensato o oficio de cavilar, se é que acaso ten sentido a obrigación semanal de sumirse en reflexións sobre noticias de suposta transcendencia, significadas ou graves, durante o resto do ano.

Se doutras veces tivemos tema dabondo de reflexión para un ano cunha soa noticia, ocorre que agora mesmo, neste verán -e o mesmo nos daría que fose en calquera día, tanto deste como dos outros pasados-, bástanos coas variedades que se dan dos moitos temas ó trato, a través dos noticiarios ó uso, ben de fóra ou de Barbanza, para térennos, de sobra, ademais da materia da noticia, o aliciente suficiente para argallar un único comentario, pero de xeito que abarque no principal a todo ó verán enteiro.

Sendo así, na pretensión de compendiar comentarios de verán, nada nos vén, pois, mellor de paradigma que o elixir un popurrí de noticias avistadas nun Barbanza xunto a outras, nas de outros, neste mesmo mes de agosto.

En toda a comarca enteira reina o «Verano Total», «El pulpo volverá a ser el rey en las mesas de Porto do Son»; mentres que «La feira do mel de Barbanza endulzará a los visitantes»; e «A Pobra ofrece una forma interesante y original de acercarse al marisco»; con «Marionetas y danzas para todas las familias»; en Ribeira «El Gallerock ofrece melodías, cine, charlas y hasta gastronomía»; ó tempo que «Los sonidos del folk fascinarán a Boiro, Rianxo y Ribeira»; en tanto «Las romerías volverán a triunfar en A Ameixida y en Muros» e mesmo, porque ninguén quede atrás, «El rugir de las motos y sus ocupantes toman las calles noiesas». Aquí terán «música y carreras, hasta las 1430. Habrá zona de acampada». E, despelote total, tirando cara ó final, soamente no escenario.

Só son a mostra dun día. En tanto, noutro diario -nun foráneo, se ben «líder de la información mundial», pero en español; El Mundo, para máis sinais- tamén se podía ler, dende o mesmo titular, en íntima confesión, a «la Baronesa Thyssen: 'Yo también soy una pobre de pedir'».

En definitiva, todo é todo canto escribía fai trinta anos o camarada Carrillo, diante da situación, que agora xa nos domina ou a punto está de explotar: «?Ante la segunda revolución industrial, el género humano será la internacional».

Aínda así -oponse nisto Olegario-, iso só sucedería se restásemos da túa conta ós parados. E non digamos que, mentres tanto en Iraq, Afganistán e en todo o Oriente Medio, séguese no mesmo empeño que houbo o pasado século para impor as liberdades.

Mais, nós, nada diremos ó cambio, senón que é que pensamos que o Olegario só está por amargarnos as festas. Non obstante, e só por ver se cala, para a próxima semana falaremos desta seca que hoxe domina en Barbanza.