«A industria da salgadura expandiu o horizonte da bisbarra»

María López RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

O pobrense dará a coñecer o luns «Tiempos de vela», un libro no que analiza como influíron os armadores cataláns no desenvolvemento de Barbanza

16 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

José Ramiro Villoch (A Pobra, 1929), médico retirado da Pobra do Caramiñal, é un dos descendente das familias de visionarios cataláns que estableceron na comarca o negocio das fábricas de salgadura. Sendo testemuña do esplendor deste tipo de industria e despois de somerxerse nun longo proceso de investigación sobre a vida dos mariñeiros na comarca, a día de hoxe, escribiu o libro Tiempos de vel a, que o luns se presentará na casa de cultura pobrens e. -¿Cal foi o estímulo que o levou a escribir esta obra? -Despois de facer exposicións fotográficas de cadros que representan veleiros partindo das rías de Arousa, Noia e Muros cara Europa e a América colonial, e logo de facer unha longa investigación relacionada co mundo mariñeiro na Pobra, a xente animoume a que recollera todos os coñecementos adquiridos nun libro. -¿De que trata? -O libro trata a grandes trazos a vida mariñeira en pequenas localidades litorais. No caso de Tiempos de vela , centreime na Pobra, que este é o entorno que mellor coñezo. O que analizo no libro é a repercusión socio-económica nos lugares de asentamento dos armadores cataláns, á vez que explico as relacións entre os mariñeiros e a Igrexa a través das confrarías. Outro dos aspectos que describo é a transformación industrial grazas á influencia das navieiras e dos armadores. -¿Fai mención algunha á industria da salgadura? -Por suposto que si. A obra está estruturada en dúas partes. A primeira recolle como era a vida aquí antes de que os empresarios cataláns viñeran a implantar a industria da salgadura. A segunda parte fala de como os cataláns, dende a súa perspectiva de empresarios, deixaron de pagar os tributos que a Igrexa impoñía á poboación local pola venda de peixe, factor que impulsou o verdadeiro desenvolvemento empresarial da zona, a través das fábricas de salgadura. -¿Que fontes utilizou para documentarse? -Recollín tanto testemuños directos coma indirectos. Os primeiros xurdiron grazas á miña vinculación familiar con esta industria. Tamén me tiven que documentar a través de retratos e libros da Igrexa. Estes últimos foron unha fonte fundamental para recompilar datos sobre a vida dos mariñeiros da Pobra cando España aínda era unha potencia colonial. A etapa precatalá foi a máis difícil de documentar. -¿Que supuxo a industria da salgadura para a Pobra e para a bisbarra? -A industria da salgadura expandiu o horizonte da bisbarra. A finais do século XIX había moitos impedimentos para trasladar o peixe vía terrestre, xa que as infraestruturas eran escasas. A única maneira de levar o peixe era por mar. Grazas á produción da salgadura, iniciáronse rutas de comercialización de peixe a nivel mundial. Isto supuxo o despegue económico da bisbarra. -¿Que mellora achegaron os cataláns na conserva de produtos con sal? -A salgadura era unha práctica habitual en Galicia. O que melloraron os cataláns foi o proceso de prensado, o lles permitiu eliminar parte da graxa do peixe e así contrarrestar o proceso de oxidación natural, mellorando en gran medida a aparencia do produto final, ademais de posibilitar unha conservación durante máis tempo. -¿Mellorou o desenvolvemento da industria da salgadura a alimentación da xente da zona? -En parte si, pero no que máis influíu foi na erradicación do contrabando de peixe na época de Coáresma, que ata o momento, era unha das poucas solucións para abastecer á xente de peixe nesas datas. -¿Cando foi o declive da industria da salgadura? -A partir de 1927 a industria da salgadura entrou en declive para dar paso á recén nada industria conserveira.