«Na Dorna non hai rivalidade, só humor e moita diversión»

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Un debuxo deste mozo, dunha dorna perseguida polos detractores da singular festa, será un dos identificativos da singradura deste ano

15 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Por segundo ano consecutivo, os dorneiros lucirán nesta singradura unha sudadeira cun debuxo feito por Andrés Pérez Regueira (Ribeira, 1988). A elección do seu deseño enche de orgullo a este mozo e tamén aos seus compañeiros da peña Parrochas Papudas.

-¿Que o levou a presentarse a este certame promovido pola Confraría da Dorna?

-Estou estudando Arquitectura de Interiores e, nesta carreira, tocamos algunha materia relacionada co deseño gráfico. Aínda así, o que realmente me leva a participar é o orgullo dorneiro. O ano pasado, a xente parábame pola rúa para felicitarme, e iso animoume moito.

-¿Pode describir o debuxo deste ano?

-O ano pasado fixen un debuxo plástico, cun macaco navegando nunha dorna. Daquela fixéronme unha crítica construtiva, dicíndome que era un deseño demasiado plano, ao que lle faltaba movemento e profundidade. Nesta ocasión tratei de corrixir estas carencias, aínda que o elemento principal segue a ser unha dorna.

-Unha dorna cunha especie de monstro ao fondo, ¿que simboliza?

-A interpretación sempre é libre, pero a idea que quixen representar é a dunha dorna perseguida por aqueles que critican a festa. Logo, a través das cores e das serpentinas, tento plasmar o ambiente festivo, a idea de que a Dorna segue a celebrarse con máis forza que nunca.

-Pero, ¿que é iso que con tanta furia persigue á Dorna?

-A Dorna é perseguida pola mala fama que esperta nun colectivo da poboación, que insiste en que se trata dunha festa que só consiste na inxesta de alcol. Hai quen só ve este lado da celebración, sen ter en conta que é o mesmo que hai en todas as grandes festas de España. O que pasa é que, neste sentido, os galegos somos bastante críticos coas nosas tradicións. Por poñer un exemplo, nos San Fermíns hai quen non fai outra cousa que beber, sen embargo esa non é a imaxe que se proxecta da festa.

-¿Que é para vostede o máis destacable da Dorna?

-Trátase dunha celebración especial. Hai outras festas máis famosas que se reducen a un único acontecemento, pero a Dorna ten actividades lúdicas ao longo de varios días, nas que está moi presente o humor e nas que o único obxectivo é pasalo ben. Outra cousa é como queira cada un gozar da festa ou o volume de alcol que desexe inxerir, pero beber non é o fin principal da Dorna.

-Particularmente, ¿cal das actividades é a que máis lle gusta?

-A que máis me gusta e na que participo activamente desde hai tempo é a baixada de carrilanas. Aínda así, en xeral, o que me gusta é que na Dorna non hai rivalidade, só humor e moita diversión.

-¿Que bota en falla no programa festivo?

-A nivel de actividades, ningunha. Si vexo que falta persoal e orzamento.

-¿Comparte entón a opinión daqueles que consideran que a mocidade debería implicarse máis?

-A falta de colaboración á hora de organizar as diferentes actividades é un problema que se repite cada ano. Na nosa peña temos sorte, porque está entrando continuamente xente nova e con moitas gañas de participar, pero sei de outras nas que non ocorre o mesmo. O que está claro é que se non nos movemos non pode haber boas festas.

-¿Pensa entón que o futuro da Dorna pode estar en perigo?

-Creo que tanto, non. Ao final, en situacións límite, a xente sempre acaba implicándose. O que pasa é que son sempre os mesmos os que teñen que asumir o peso da organización e iso debería cambiar.