Marcos Calveiro cualifica a literatura galega como a mellor do Estado

Javier Romero Doniz
Javier Romero RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

30 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Foi vontade de Barbantia que o escritor arousán Marcos Calveiro falara o venres do seu concepto da literatura con motivo da presentación que fixo de dúas obras súas -O pintor do sombreiros de malvas e Settecento- na casa da cultura de Outes, sendo rotundo ao afirmar que «a literatura galega é a mellor do Estado». Un discurso que certificou nun contexto vinculado á importancia dos premios literarios e a súa influencia á hora de facilitar a un autor a publicación dos seus textos: «Ai xente que asegura que é fácil publicar libros, algo que persoalmente creo que non é así. Ademais, esa afirmación devalua a nosa literatura e no meu caso non concorda, xa que ata que empecei a gañar premios non se me abriron as portas das editoriais», concluíu.

Calveiro falou cun léxico claro á vez que sincero. Feito, este último, co que desmontou algunhas das preguntas coas que se apuntalaba o debate. Acompañábano na mesa o director da asociación Serra de Outes, Xoán Mariño, quen fixo na introdución do acto un discurso dedicado a enxalzar a importancia do turismo como o mellor remedio para evitar a fuga de emigrantes ao estranxeiro. Sería María Xesús Blanco a encargada de coller a palabra na segunda quenda para cincelar a traxectoria persoal e profesional do autor.

A voz de Xerardo Agrafoxo abriu o debate. Interesouse polas fontes do escritor, sobre todo por saber se os escenarios nos que se ambientan -Venecia no caso Settecento e a vila francesa de Auvers en O pintor do sombreiro de malvas- foran recreados a pé ou na mente.

Posibilidades

A resposta foi taxativa. A mente como primeira ferramenta e a documentación como segunda utilizando o cine, os libros e «as moitas posibilidades que ofrece Internet, podendo visitar calquera parte do mundo en 360 graos». Outra das curiosidades do seu discurso chegou no momento de falar do léxico: «O meu avó vendía vacas e antes de levalas ao mercado de Santiago pasaba días peiteándoas e lavándoas para que estiveran presentables. Era una cuestión de profesionalidade que eu traslado á literatura escribindo con moito coidado e utilizando unha ducia de dicionarios. As palabras son o meu oficio por iso teño que ser coidadoso con elas».

O rexedor, Carlos López cerrou o acto invitando a un pincho acorde «cos tempos de crise que vivimos».