«Os músicos hoxe necesitan unha gran preparación»

La Voz

BARBANZA

16 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Francisco Olveira é testemuña viva da historia da música en Barbanza. Confesa que admirou a Andrés Filgueira, «que fóra alcalde de Ribeira e un moi bo pianista; ao pai de Enrique Paisal, e tamén a el; a Carlos Serán Olveira, un músico de Caamaño, e a algúns outros».

-¿E que representou para vostede Los Tamara?

-Moito. Había daquela orquestras como Los Españoles, por exemplo, cos que coincidín en Casablanca, que executaban pezas con mestría, pero faltáballes un toque de personalidade propia que si tiñan os Tamara, interpretando música na que versionaban a Rosalía de Castro a Curros Enríquez, o que lles deu sona merecida. Se a iso lle engades un vocalista como Pucho Boedo a mestura conforma un equipo triunfador. -¿E Constantino Pego, «O Gitano», natural de San Pedro de Muros, a quen xa nomeamos? -Un vocalista excepcional cun gran oído. Cando saíu da orquestra París tivemos a oportunidade de escoitalo cantar nalgunha misa e, déixeme dicirlle, sabe ben o que fai. -Houbo sempre un mito de que este vocalista cantaba sen un pulmón, ¿sabe algo desto? -Constante estivo navegando e chegou a desembarcar, creo que en Lisboa, por enfermar do pulmón. Curou e afortunadamente mantén os dous pulmóns. -¿Considera compatible que os vocalistas dean tantos saltos nos escenarios e canten ben? -Os saltos son para animar á parroquia. Para cantar ben hai que estar moi centrado e aínda así algunhas veces se falla. É certo que se necesita animar porque non te podes fixar só en cantar, senón tamén en montar algo de show . Son espectáculos que levan importantes investimentos: camións, escenarios, caros equipos, instrumentos, vestiario, seguridade social, etcétera. O vocalista é a cara do grupo, polo que nel cae o esforzo de representación e da animación. Os músicos hoxe necesitan unha gran preparación, non só desde a parte musical senón física.