«Desde que cumprín os 10 anos non perdín de tocar nin un só mes»

Ciprián Rivas

BARBANZA

Membro dunha familia ligada á música, Francisco Olveira leva sesenta anos dirixindo a agrupación sonense e foi integrante das orquestras os Saga e os Sones

16 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Recibe ao pé da porta da casa familiar. É alto. De estrutura ancha e forte. Destacan do seu físico, unhas mans amplas e grandes, afeitas a coller as ferramentas de traballar a terra. Unhas mans, tamén, afeitas a tocar o clarinete e o acordeón. Francisco Olveira Santos (7 de abril de 1932) é o director da Banda de Música de Caamaño, fundada por seu pai no ano 1912. Está casado con Juana González Cameán, Juana de Segade, alcume que el herda e polo que é coñecido en Xuño. Son pais de dous fillos que tamén están na música, un mundo que forma parte desta familia, di o mestre-director: «Ademais de meu pai, meus catro irmáns tamén tocaban instrumentos e sometíanse á disciplina da batuta». Esta saga leva 115 anos entre instrumentos e pentagramas, e seguirá porque as netas de Olveira xa están aprendendo solfexo.

Dentro da súa casa, sitúanos nunha mesa para seguir conversando, vixiados pola imaxe de santa Cecilia, quen ten á súa beira a Mozart e supoñemos que a Schubert nun pequeno altar.

-¿Que fai falta para ser músico?

-Ademais de saber solfexo ter oído para defenderse na execución musical e unha inmensa vocación. -¿A que anos empezou a estudar música? -Aos 10. Concretamente no ano 1942, coincidindo co meu aniversario, un 7 de abril. -Despois xa faría saídas para tocar fóra? -Íamos tocar nas procesións e tamén a algunhas romarías para amenizar determinados momentos. Logo viñeron as verbenas. Había poucas orquestras e tiñamos bastante éxito nas saídas. -Dinme que vostede foi fundador da orquestra os Saga, unha formación musical de sona no seu momento. -Si, pero cando se formou eu estaba navegando nun barco-correo, concretamente desde o ano 1962 ata o 1968. A meu destino era tocar o acordeón na orquestra de abordo. Nese tempo formouse os Saga e cando cheguei tomei o mando da agrupación. Alí tiñamos un gran vocalista, Carlos, fillo do Gitano, tamén solista da orquestra París. A tristura foi que Carlos finou moi mozo, disque andando aos percebes en Aguiño. Ao pouco tempo, cambióuselle o primeiro nome polo de os Sones. Tocábamos en moitos sitios porque había bailes: San Martiño, Carreira, Ribeira, Olveira, Palmeira, Caamaño, Queiruga, etcétera. Hoxe as cousas están moito máis difíciles neste aspecto. -¿Que lle esixía vostede a un vocalista dos Saga? -Que soubese a letra das cancións e entrar ben na peza. Teña en conta que daquela a maioría dos solistas non sabían música, cantaban, iso si, máis ou menos ben; entoaban de xeito, pero faltáballes seguridade á hora de entrar. Tiñan que estar atentos ás nosas indicacións. -Fala de que estivo de músico nun barco-correo. -Era un correo da compañía Ybarra. Alí toquei con dous músicos vascos e outros dous galegos. Tiñamos un variado repertorio de boleros, pasodobres, tangos, foxes (neste momento, para indicar as pezas que executaban, entoa In the mood , de Glen Miller). O barco tiña dúas orquestras, unha para os de primeira clase e outra para a económica. Nós estabamos nesta última. Pero moi contentos. As nosas actuacións estaban cheas de público, incluso os da outra clase viñan a vernos. Naquel correo que tiña como destino Arxentina, Uruguay, Brasil puiden ver tamén a cara da emigración. Unha cara fea que nunca me gustou. Outro caso distinto eran os cruceiros que facíamos a Oriente Medio. Alí puiden ver outra clase de vida. -É dicir, vostede foi un músico vocacional que exerceu como profesional. -Para o caso, si. Desde que cumprín os 10 anos non perdín de tocar nin un só mes. -Pero está xubilado. -Pero sigo tocando. Non vou ás actuacións, pero toco todos os días.