«As enciclopedias do folclore van morrendo e hai que darse presa»

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Ademais de impartir clases de baile e música rexional, Pereiras percorre as aldeas para recompilar vídeos e fotos da cultura tradicional

07 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Vestiu por vez primeira o traxe tradicional galego cando tiña 13 anos e, desde entón, Dani Pereiras (Negreira, 1874) foi incapaz de despegarse do folclore. Daquela formaba parte do grupo Aloia de Negreira, pero despois virían outros como Brincadeira e Cantigas e Agarimos. Así, ata rematar en Vai de Roda, asociación que Pereiras fundou en Rianxo con dous claros obxectivos: espallar a cultura tradicional e facer un traballo de recollida petando á porta das testemuñas.

-¿É quizais este labor de campo o máis difícil dos que fai en Vai de Roda?

-Pois si, porque hai que buscar aos informantes e non é doado atopalos. Eu comecei con 16 anos a recoller e daquela había vellos pero hoxe as enciclopedias do folclore van morrendo e hai que darse presa. Nós o que facemos é identificar aos informantes e gravar as cancións e os bailes. Tamén aproveitamos para sacar patróns do vestiario antigo.

-¿Elaboraron algunha publicación con todo este material?

-O que temos é o noso propio arquivo sonoro e de vídeo, así como fotos do vestiario antigo, algunhas son de pezas do século XIX. No escenario, nós queremos reflectir a cultura e o folclore tradicionais da forma máis rigorosa posible.

-¿É iso tamén o que se busca co serán Mar de Rianxo?

-O que vai demostrar o serán é que o folclore está vivo. Os espectadores van ter a posibilidade de acceder á biblioteca da cultura tradicional da man de case trinta agrupacións, entre as que se atopan os nosos informantes. Isto é o que lle dá valor ao serán, a parte etnográfica.

-¿Considera entón que o folclore está atravesando un bo momento?

-Somos moitos os que levamos un montón de anos nisto e iso nótase. Agora mesmo, os grupos temos moitas posibilidades de amosar o noso traballo e hai unha remesa de xente que ven detrás con gañas.

-¿Considera entón que o futuro, polo menos a curto e medio prazo, está garantido?

-Si, temos unha boa canteira. O que ocorre é que o futuro está en normalizar toda a información, xuntar os pequenos tesouros persoais e fundar unha federación de ensinantes do folclore homologada. Deste xeito, conseguiremos ter un completo arquivo para poñelo a disposición de todas as persoas que estean interesadas. Xa hai contactos e conversas en marcha para sacar adiante este proxecto.

-¿Canta xente integra a gran familia Vai de Roda?

-Entre os alumnos da escola e os membros das distintas formacións, somos un cento. Impartimos clases de baile tradicional, pandeireta e canto, gaita, percusión, acordeón e requinta. No que a agrupacións se refire, temos tres de baile: Sete, Nove e Once Ferreñas; unha de pandeireta e unha charanga. A maiores, están os tres grupos oficiais, os de adultos, destas especialidades ás que me referín.

-Dous destes grupos veñen de acadar premios no certame da Estrada, ¿que significan estes galardóns?

-Pois son un espaldarazo para a asociación, sobre todo porque se trata de dous grupos, Sete e Nove Ferreñas, de rapaces de entre 7 e 11 anos. É meritorio para Vai de Roda, pero tamén para os críos, porque este tipo de cousas son as que fan que teñan ilusión por seguir adiante.

-Vostede traballa como executivo comercial pero, ¿cre que se pode vivir do folclore?

-Persoas que vivan do folclore galego cóntanse cos dedos da man. Hai quen o consigue, pero non é nada doado. É preciso moverse ben e moito. Ao longo duns anos, eu conseguino, pero impartindo clases en diferentes localidades e colaborando con algúns programas da televisión.