«Barbanza está a vivir un rexurdimento no eido cultural»

BARBANZA

A boirense forma parte da xeración Barbantia e ven de publicar un libro sobre o mal de ollo, un tema no que segue a traballar

28 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Traballa como bolseira no departamento de Filoloxía Inglesa da Universidade de Santiago de Compostela, pero esta non é a única ocupación de Milagros Torrado (Boiro, 1983), nin moito menos. Compaxínaa coa elaboración da tese doutoral, coa realización de traballos de investigación e coa súa posterior plasmación en papel. De feito, hai un mes presentou na Estación Leñaverde, da man da asociación Barbantia, O fenómeno cultural da fascinoloxía .

-¿É investigación, literatura ou as dúas cousas?

-Este libro é o resultado dunha investigación, que é ao que me dedico na actualidade. Cando era pequena soñaba con escribir libros de contos e incluso cheguei a quedar terceira nun concurso promovido pola ONCE con 13 anos, pero agora o meu eido é o da investigación.

-¿Que van atopar os lectores neste primeiro libro seu?

-É unha pequena toma de contacto co mundo do mal de ollo. O que tento é plasmar a conexión que existe entre Galicia e as Illas Británicas. Nos dous lugares hai puntos comúns sobre a identificación do mal de ollo ou a súa eliminación. Tamén trato de atoparlle explicación a determinadas cuestións, pero iso foi o máis complicado, xa que este tipo de costumes transmítense de xeito oral e ás veces hai que conformarse con formular hipóteses.

-¿Investiga o mal de ollo dese o punto de vista dos escépticos ou dos crentes?

-Esta é a pregunta á que sempre teño que enfrontarme e agora mesmo teño que dicir que creo na existencia do mal de ollo, porque mo sacaron dúas veces. A raíz das entrevistas que fixen para a investigación houbo quen se brindou a examinarme e concluíu que tiña envexas. Desde entón volvinme máis supersticiosa. Incluso teño dous amuletos no ordenador, unha castaña de indias e unha pedra da serpe.

-¿Ten previsto seguir profundando neste tema?

-Si, sigo investigando sobre o mal de ollo, un tema ao redor do que xira a miña tese doutoral. Iso si, agora traballo sobre todo nas tradicións das Illas Británicas e deixei un pouco de lado a realidade galega. O que ocorre é que esta é unha investigación moi laboriosa, porque hai moi pouco material recollido sobre o tema e á xente cústalle falar.

-¿Percibe entón que hai reticencia a recoñecer estas crenzas?

-Si, á maioría das persoas dálle reparo falar deste tipo de temas. Non queren recoñecer que cren no mal de ollo, pero ás veces nin sequera queren tocar o tema

-Vostede que pertence á nova corrente de escritores barbanceses, ¿como ve o eido cultural na comarca?

-Penso que Barbanza está facendo un traballo moi bo. En tempos de recesión económica, coma os que estamos a vivir, a cultura tende a pasar a un segundo plano, porque é ao primeiro ao que se lle recorta o orzamento pero, en cambio, dáme a sensación de que Barbanza está a vivir un rexurdimento no eido cultural precisamente agora. Quizais ven influenciado polo feito de estarmos somerxidos no mundo das comunicacións e isto fai que a xente queira saber de onde ven para explicarlle ao mundo quen é.

-¿Que cree que falta para que a comarca dea o salto definitivo?

-Queda moito por facer, sobre todo porque os veciños da comarca non lle dan aos recursos arqueolóxicos e patrimoniais a importancia que teñen. Para promocionalos fan falla medios e estes, desgraciadamente, teñen que ser económicos, que son os que agora non sobran. Penso que as Administracións deberían facer un esforzo para que haxa máis traballos de investigación. O tempo pasa, a xente morre e quedamos sen testemuñas, sobre todo no eido da tradición oral.