«Facer un traxe galego de muller pode levar tres meses»

J. M. Sande

BARBANZA

Dedícase profesionalmente a facer roupa, pero tamén é a artífice das indumentarias que percorren a provincia

08 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Dedícase de forma profesional, dende hai xa vinte anos, á costura. No taller de Divina Santiago Hermida confecciónase roupa á medida, especialmente para mulleres e nenos, aínda que tamén, e desde hai uns quince anos, se ten especializado na elaboración de traxes rexionais galegos. Ela é unha das principias artífices das pezas que a agrupación Ximiela de Louro presenta dentro da colección Indumentaria tradicional galega , que está a percorrer varios concellos da provincia da Coruña.

-¿Por que se iniciou na elaboración de traxes rexionais?

-Hai quince anos que formo parte de Ximiela. Dende aquela pretendemos que as nosas nenas e nenos luzan traxes rechamantes nos seus bailes, e por iso principiamos a facer as roupas das nosas fillas. Co tempo, fómonos especializando na confección deste tipo de vestimentas, ata conseguir unhas moi vistosas. -¿Resulta complicado elaborar un traxe rexional? -Unha vez que te mergullas neste mundo non resulta complicado, pero leva moito tempo facer un traxe típico galego. Nós facemos todos os elementos que leva unha vestimenta completa, dende os pololos, á enagua, a saia, a camisa, o chaleque, a chaquetilla, o dengue, o mantelo, a mantilla e, ás veces, tamén facemos as medias. -Entón, un traxe feito por vostede será moi caro... -O prezo final si é elevado, e sempre está en función do tempo que levou realizalo. Así, cando se empregan as mellores teas, e á vez se quere que teña moito bordado, puntillas e adornos, o importe do mesmo sube. Facer un traxe galego de muller pode levar tres meses de traballo para unha persoa. Así, o costo total dun traxe de gala de muller pode chegar aos seis mil euros. No caso dunha indumentaria masculina, o custo é menor, pois leva menos traballo e tamén menos pezas. -¿Que é o que máis lle gusta deste oficio? -Axudar a que a xente se sinta guapa coa roupa que pon. Cando me encargan un traxe, primeiro busco que me guste a min o modelo a facer, pero logo penso no destinatario e procuro adaptalo á súa persoa. Cando consigo compaxinar o meu gusto coa satisfacción do cliente, pouco me importan as horas que lle dediquei. -¿Que destacaría da exposición que estes días presenta Ximiela no Son? -O vestiario que levamos ao Son é excelente. Alí temos traxes de gala e de cotío, representando a varias localidades de Galicia. Algunhas das pezas teñen un traballo enorme, e por iso cando nos preguntan polo prezo, non sabemos que responder. -¿É moi escravo o traballo de costureira? -Como calquera outro. Se che gusta o oficio, preocupan menos os inconvenientes que ten. Aquí non se pode mirar moito o reloxo, pois hai veces que traballas día e noite.