A presenza dunha sombra nunha mostra de Dalí procedente de Ribeira mobiliza a varios policías en México
De todos é sabido que o misterio e o mundo onírico e espiritual son aspectos estreitamente ligados á obra do pintor Salvador Dalí. Pero o que ninguén agarda ver cando visita unha exposición deste artista surrealista é nada menos que unha pantasma merodeando pola sala, porque xa se sabe que as pantasmas non existen. Ou si. E se non que llo pregunten aos vixiantes de seguridade do Centro Cultural Olimpo de Mérida (México), que levan varios días intentando atopar unha explicación lóxica a un fenómeno acontecido recentemente.
As obras que compoñen a citada exposición foron cedidas polo Museo del Grabado de Artes de Ribeira, e a mostra xa leva rexistradas máis de 27.000 visitas. A esta cifra hai que sumarlle, segundo recollen varios medios de comunicación mexicanos, unha presenza «estraña». Concretamente, unha sombra cuxa orixe se ignora, pero que quedou rexistrada nas cámaras de seguridade.
A noticia fíxose eco en xornais e portais de Internet, como o do grupo Sipse ou Periodistas Quintana Roo. Segundo publican estes medios, o suceso paranormal ocorreu ao día seguinte da inauguración da mostra de Dalí procedente de Ribeira. Ante a presenza dunha «actividade estraña», é dicir, a aparición dunha sombra nas cámaras (coa conseguinte ameaza de roubo) púxose en marcha un importante dispositivo de seguridade.
Varios policías «fortemente armados» presentáronse na sala. E cal foi a súa sorpresa cando comprobaron que alí non había nin persoa nin sombra. Sen embargo, si a seguían vendo os seus compañeiros que quedaran na sala das cámaras e cos que mantiñan o contacto por radio. Os policías apuntaban coas armas cara un ou outro lado seguindo as instrucións dos seus colegas que, atónitos, vían como a sombra os evitaba ou se afastaba deles.
Dalí ou unha mosca
No vídeo pódese observar a escena con detalle, pero ninguén logrou aínda atoparlle unha explicación lóxica. Así, a sombra xa foi bautizada como «a pantasma de Dalí».
Nunca unha sombra dera tanto que falar, nin conseguira levantar tanta expectación. Foron numerosos os lectores que quixeron deixar as súas opinións ante esta sorprendente noticia no portal dos citados medios mexicanos. Algúns deles buscan explicacións emocionais e relacionan este feito coa temática da obra de Dalí, cuxa mostra, por certo, leva por título, Miradas del sueño. Outros, máis incrédulos, pregúntanse se non será unha mosca desenfocada que quedou pegada no lente da cámara. Sexa como fose, a afección desta pantasma pola arte, afortunadamente, non causou máis dano que o susto dos vixiantes.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios