«Hai que conseguir un programa teatral estable»

BARBANZA

O actor considera que o único xeito de atraer público novo é organizando representacións periódicas

02 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Aterrou no mundo do teatro case por casualidade, pero agora Gustavo G. Dieste dedícase a este sector profesionalmente. Aínda que por motivos laborais reside en Santiago, desenvolve boa parte do seu labor na que considera a súa terra, Barbanza. En Boiro, localidade na que viviu varios anos, dirixe Teatro do Improvisto.

-¿Como lembra o primeiro contacto co teatro?

-A miña vinculación a ese mundo é a través de Teatro do Improvisto, hai uns trece anos. Eu estudaba na universidade e tiña que falar diante de moita xente, como era moi tímido, recomendáronme o teatro. Aos dous anos de ensaiar coa compañía de Boiro, o que era director, Artur Trillo, propúxome participar nun espectáculo profesional e aí empezou a miña carreira.

-E agora xa é un pluriempregado no sector...

-Pois si. Traballo como actor en Talía, pero imparto clases en varios municipios e dirixo compañías afeccionadas, tanto en Santiago como en Barbanza. Ademais de Teatro do Improvisto, levo o grupo de Amas de Casa da Pobra e un colectivo infantil no colexio Santa Baia.

-Con Teatro do Improvisto ven de estrear unha montaxe bastante singular, ¿non?

- O lado torto do mundo é unha selección de textos que falan da violación dos dereitos humanos a través de monólogos e de diálogos de dúas ou máis persoas que van salpicando ideas no público. É unha montaña rusa de emocións, na que se pasa da comedia á traxedia.

-¿Foi a aposta máis arriscada de Teatro do Improvisto?

-A nivel de temática e de formulación escénica, probablemente si, pero xa houbo outras apostas arriscadas no pasado, a través de dramas como O crime de Aldea Vella e de clásicos. O público está máis acostumado á comedia e responde mellor.

-¿Xa se está xestando algún novo proxecto?

-A finais de mes, os rapaces da compañía van facer novas sesións de diálogos cómicos na Estación Leñaverde e en marzo empezaremos a traballar xa nun novo espectáculo. O que teño en mente é representar unha obra de William Shakespeare, pero aínda non teño claro cal.

-¿Goza de boa saúde o teatro en Barbanza?

-Hai moita afección e van saíndo actores e grupos. O que fai falla é reforzar o público e para iso hai que conseguir un programa teatral estable. É certo que nestes intres é complicado, porque a crise económica fixo que houbera recortes no eido cultural, pero hai que ter en conta que á xente cáptase mediante a rutina e, cando hai inestabilidade, é doado perder público.