O mar sobe ata o Leliadoura

BARBANZA

No centro exhíbense fotos antigas sobre a vida dos pescadores e unha montaxe con especies mariñas

29 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Son moitos os alumnos do instituto Leliadoura que están vinculados ao mundo do mar, ben porque residen preto do litoral de Ribeira ou ben porque teñen algún familiar que se dedica á pesca. Foi por isto polo que o colectivo de pais do centro, a ANPA San Roque, decidiu montar a exposición Mans salgadas , na que a través de fotografías antigas se dan a coñecer diferentes aspectos sobre a vida e o traballo das xentes do mar.

A asociación de proxenitores, coa colaboración de Sagres, un colectivo veciñal de Aguiño, achegoulle as instantáneas á dirección do Leliadoura, que desde un principio veu con bos ollos a idea. De feito, varios departamentos implicáronse directamente na iniciativa. Así, a área de plástica encargouse da colocación das imaxes e de completar a colección cunha montaxe feita con cunchas, area, caracolas, poutadas e outros elementos mariños.

Pola súa banda, o departamento de normalización lingüística realizou unha selección de palabras pertencentes ao léxico mariñeiro. Trátase dunha relación de termos que contribúen a complementar as fotos, nas que pode verse xente traballando nos sectores pesqueiro e marisqueiro ou distintos tipos de embarcacións e aparellos.

Liña de colaboración

A dirección do instituto ribeirense valorou positivamente a montaxe desta exposición, destacando a importancia de que exista unha liña de colaboración entre a asociación de pais de alumnos e o centro: «Cremos que é moi bo para todos que haxa actividades nas que se involucren mestres, proxenitores e estudantes», comentou a xefa de estudos.

No que se refire á colección Mans salgadas , o profesorado do Leliadoura tamén considera moi acertada a temática da mostra, debido á ligazón que boa parte dos estudantes teñen co mundo do mar: «Ao tratarse de fotos antigas, os rapaces tamén poden ver como era a profesión antes e a dureza que entraña».

A colección permanecerá aberta na sala de usos múltiples do centro educativo de Frións ata o 25 de febreiro. Ao longo deste tempo, todos os veciños que o desexen poden pasarse polas instalacións para vela. Pola súa banda, os estudantes farán percorridos didácticos cos seus titores, co fin de analizar polo miúdo os diferentes contidos que integran a mostra.