A información é a arma do colectivo ribeirense Achuchar na defensa da alimentación natural dos bebés
No 2006 naceu en Ribeira un colectivo que veu dar resposta a preguntas para as que moitas mulleres non atopaban contestación e que aposta por unha crianza respectuosa cos cativos. Trátase de Achuchar, que promove a lactación materna na bisbarra, unha guerra na que, segundo a súa presidenta, Pilar Moreira, quedan moitas batallas por gañar, entre elas a da información.
-¿Que foi o que motivou o nacemento de Achuchar?
-Constituímonos fai catro anos para axudar a resolver dificultades sobre a lactación porque hai un descoñecemento absoluto. Pretendemos que a xente teña consciencia da importancia que ten aleitar aos rapaces, non só para a saúde do bebé, senón tamén da nai.
-¿Cales son os seus principais beneficios?
-Os máis importantes son os da saúde, xa que o leite da nai ten todo o que o bebé necesita, e tamén o vínculo que se crea entre a muller e o seu fillo, é algo que acaba enganchando. Logo tamén se pode falar de que é unha forma de alimentación limpa, sostible... e económica.
-Un bo argumento dados estes tempos de crise.
-Non se trata de dar de mamar por aforrar, trátase de saúde, é o natural. As fórmulas que hai nas farmacias están a mellorar moito, pero seguen a ser sucedáneos.
-Dun tempo a esta parte óese falar máis da lactación materna, ¿pódese dicir que está de moda?
-Non me atrevería a dicir tanto, o que creo é que hai máis consciencia de que é algo bo e merece a pena intentalo. Os índices de lactación natural na comarca son baixísimos. Temos un hospital que defende os dereitos dos nenos e está pola labor de favorecer a lactación materna, e aínda así un 40% das mulleres, xa de entrada, non queren saber nada de dar o peito.
-¿E como se pode cambiar esta dinámica?
-Con información. Non se trata de impoñer nada, senón de achegar toda a información e que logo cada un tome unha decisión.
-En Achuchar teñen un grupo de apoio que se reúne cada mes, ¿que dúbidas lles plantexan?
-Inquietudes e cuestións de todo tipo, no só estamos para responder preguntas, senón que a xente vén a desafogarse. Dende logo hai moitas dúbidas, fálase dos problemas no inicio da lactación, como a dor, dos patróns de sono dos bebés, da alimentación complementaria, do crecemento...
-¿Non se fala unicamente de aleitar?
-Achuchar non só difunde a lactación, senón unha crianza respectuosa cos nenos, defendemos que se atendan as súas necesidades e o contacto cos bebés.
-¿Teñen prevista algunha actividade para este ano?
-Esta semana reunirémonos para ir concretando, pero a nosa intención é ampliar a oferta de charla formativas con profesionais da zona.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios