«Tempus fugit»

Xulio Gutiérrez Roger

BARBANZA

18 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O cerebro dos homínidos está ben preparado para comprender a realidade inmediata. Nos tempos difíciles do Plistoceno, o noso éxito como especie dependía de saber aproveitar as escasas oportunidades que nos proporcionaba a competencia con animais moito máis grandes, fortes ou veloces. Por iso, mediante a evolución, adquirimos un agudo sentido da observación e unha notable capacidade de reflexión sobre os significados, conspicuos e ocultos, do observado. Aínda que o cerebro non se fixo máis complexo do necesario pois a evolución só proporciona o mínimo desenvolvemento para garantir a supervivencia das especies.

Por iso somos quen de apreciar correctamente os lapsos de tempo nos que transcorre a vida cotiá -segundos, minutos, horas, días, meses e anos- pero non ocorre o mesmo cando tratamos de estimar reaccións nucleares que suceden en millonésimas de segundo ou procesos telúricos que duran miles de millóns de anos.

Vista a nosa escasa habilidade para tratar con tempos xeolóxicos non debe sorprendernos que o descubrimento da idade da Terra sexa tan recente.

A maioría das cosmogonías tradicionais consideraban que a creación acontecera en tempos relativamente recentes: para os xudeus estamos no ano 7662 e para os maias no 5123. Segundo o arcebispo Usher (1581-1656), a Terra foi creada á noitiña dun 14 de novembro do ano 4004 antes de Cristo. Isto non se debe tomar a broma pois un 48% dos norteamericanos cren firmemente nesta idea e impoñen que sexa explicada nas aulas.

O descubrimento do método radiométrico, a principios do século XX, permitiu datar con exactitude as rochas: as máis antigas atopadas ata agora están en Australia e conteñen circóns de 4.400 millóns de anos, mentres que os meteoritos máis antigos, que se formaron ao mesmo tempo que o noso planeta, teñen unha idade de 4.567 millóns de anos. Por isto parece plausible que a idade da Terra sexa duns 4.500 millóns de anos.

En comparación con estes inmensos períodos de tempo que acabamos de sinalar, unha vida humana non é máis que un breve destello no decurso da vida do noso planeta. «Tempus fugit».