A renuncia de Xosé Bravo Frieiro como alcalde de Rianxo

Xerardo AgraFoxo

BARBANZA

O proceso, no ano 1994, foi un exemplar caso de relevo institucional

27 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Despois do mandato de Fernández Iglesias, que fora alcalde de Rianxo dende 1977, a vitoria por maioría absoluta do PSOE nas primeiras eleccións democráticas do 1979, elevaron a Xosé Bravo Frieiro como novo mandatario. A súa xestión, referendada nos comicios de 1983 e 1987, convertérono no Barbanza, xunto con Antonio González Groveiro, en rexedor durante tres lexislaturas consecutivas.

Despois comezaríanlle os problemas no seu goberno, que contaba na oposición con Martín Gómez, da CPG, e Ramón Romero, de AP. A crise xurdiu cando, segundo titula La Voz de Galicia do 4 de maio de 1988, «dos concejales socialistas se oponen a una propuesta del alcalde de Rianxo». Unhas declaracións do primeiro tenente de alcalde -Tarrío Otero- acusando a determinados edís de actuar con «caciquismo», provocaron a división do comité local socialista. A delicada situación tamén se debía á loita interna xurdida ante a posible renuncia de Bravo Frieiro. A crise medraría coas dimisións de Carmen Lema e Tubío Fachado.

Un ano despois xurdiríalle un conflito maior. Ante as valoracións contributivas de Facenda, as parroquias manifestáronse en marzo do 1989 diante da casa consistorial. Na súa fachada amosaron unha vistosa pancarta: «Veciños de Rianxo, pechados pola revisión do catastro». Un mes máis tarde, La Voz de Galicia titulaba: «El alcalde de Rianxo anunció que la revisión catastral sufrirá modificaciones sustanciales». Ante as protestas veciñais, o 7 de agosto suspendeuse a revisión catastral.

Anuncio

Durante esta época, os medios de comunicación anunciaron que Bravo Frieiro abandonaría a alcaldía e a secretaría comarcal dos socialistas do Barbanza. As mesmas fontes aseguraban que a súa actitude obedecía a «cansancio político y humano». Pero, cando o 26 de maio de 1991 se celebraron as cuartas eleccións municipais, un PSOE renovado volveu a acadar outra vez a maioría absoluta. Os partidarios de Bravo Frieiro obtiveron 9 escanos. O BNG, liderado por Tobías Betanzos, conseguiu 5, e a CPG, dirixida por Martín Gómez, quedouse con 3.

Foi no mes de febreiro de 1994 cando se volveu a falar da posible dimisión de Bravo Frieiro. Por fin, tal como apuntaban as diferentes informacións, o 27 de abril La Voz de Galicia titularía: «Bravo Frieiro presenta hoy su renuncia a la alcaldía». A renuncia, acompañada dunha declaración de bens, presentouna o 30 de abril.

Tal como explicou no pleno extraordinario, os motivos da súa decisión eran dous: «Razóns persoais que me impiden dilatar no tempo a organización e desenvolvemento da miña vida no eido privado e, doutra banda, razóns políticas xa coñecidas dos señores concelleiros». As especulacións medrarían. Naqueles días falouse do seu desacordo con Paco Vázquez, do seu cansanzo coa «politiquería» do PSOE, do «bloqueo» da Consellería de Política Territorial e o «acoso» que sufría da Deputación.

A decisión do mandatario, que foi eloxiado polo seu talante democrático e persoal, sería amplamente recollida nos xornais. La Voz de Galicia titulou: «Emotiva despedida de Xosé Bravo como alcalde de la villa de Rianxo». Pola súa parte, Diario 16 publicou: «Bravo Frieiro presentó su renuncia oficial como alcalde ante los elogios de sus hombres y algunos sollozos. Hombres como tú son los que necesita el país».

Sería o 9 de maio de 1994 cando Pedro Piñeiro, que concorrera ás eleccións como número 4 do PSOE, logo das renuncias de Alfonso Tarrío e Santos Rodríguez, sería elixido como novo alcalde. Tal como fixera Bravo Frieiro, gañaría nas catro seguintes eleccións: 1995, 1999, 2003 e 2007. Deste xeito, Rianxo converteuse nun concello único no ámbito do Barbanza: despois de oito lexislaturas, sempre gobernou o mesmo partido.

Pero o acontecemento máis relevante desta época no concello de Castelao foi a insólita decisión de Bravo Frieiro. Un home que, sen perder uns comicios, ou buscar un posto relevante no eido da Administración, abandonou o poder ante os lamentos dos seus partidarios e os eloxios da oposición. Sen dúbida, un caso exemplar de honradez e honestidade no desolador panorama político actual.