O Centro de Interpretación da Conserva da Illa logra manter un alto nivel de visitantes despois do verán

La Voz

BARBANZA

26 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda que xa empezou a tempada das vacas fracas no que ao turismo se refire, na Illa o Centro de Interpretación da Conserva parece estar sendo capaz de manter vivo o interese do público. E, en boa medida, ese éxito de visitantes se debe ás excursións programadas tanto por colexios como por outros colectivos. Coma mostra, esta semana. Hoxe mesmo acudirán ata a vella conserveira dos Goday os alumnos do instituto Primeiro de Marzo de Baiona. En total, serán uns 40 rapaces os que fagan a súa primeira parada na Illa neste museo. «Despois de coñecer un pouco da importancia da industria conserveira, os rapaces achegaránse ao espazo natural de Carreirón, onde farán a ruta dos pilros», explicaba onte a concelleira Fátima Rivas. Durante ese percorrido, «poderán avistar numerosas aves limícolas e acuáticas, xa que o inverno é a mellor época para a práctica desta actividade». Ademáis, o vindeiro sábado 28 de novembro, 45 persoas procedentes de Quintana del Castillo (León) percorrerán tamén as instalacións.

Curiosidade

«É moi positivo para nós que o centro siga levantando tanta curiosidade entre os visitantes, xa que isto fai que sexan cada día máis as persoas que visitan A Illa», explicaba onte a concelleira de Turismo desta localidade. E explicaba que visitar estas instalacións é posible todos os días da semana, «dirixíndose ao departamento de turismo que se atopa no segundo andar do concello, e dende alí á técnico de turismo que será a encargada de facer a visita». Para os que prefiran non arriscar e chegar á Illa coa cita xa concertada previamente, poderán facelo chamando por teléfono ao Concello arousán.

Durante as fins de semana e os festivos, informan desde o Concello da Illa, o museo permanecerá aberto en horario de mañá entre as 11.00 e as 14.00 horas, e de tarde entre as 16.30 e as 18.30 horas. Así que non hai escusas para non visitar un establecemento que recolle o legado da conserva na ría.