Barbantia xa ten aos seus finalistas

BARBANZA

04 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Dentro de Barbanza ou fóra, pero vencellados á bisbarra, hai nomes que soan a cultura viva, a creación en estado puro. Algúns deles xa foron premiados pola la asociación Barbantia, que está a piques de repartir os terceiros sirenos de bronce. E outros figuraron entre os aspirantes a eses galardóns instaurados no 2007. Quizais por iso, porque algúns estiveron entre os candidatos pero non foron finalmente premiados e porque o ano pasado as votacións, segundo indicou a entidade, estiveron moi apertadas, decidiuse que as persoas que no 2008 estiveron na terna para ser galardoadas sen finalmente acadar o premio volvan a figurar entre os candidatos. A maiores, engádense tres nomes: os de Paola García Paz, o da Coordinadora dos Equipos de Normalización Lingüística da Comarca e o de Soledad Peralta Lorenzo.

Como o ano anterior, haberá tres categorías: a de traxectoria cultural no Barbanza, para estimular a labor feita por persoas que centraron a súa obra na comarca; a de iniciativa no Barbanza, pensada para recoñecer o labor das entidades barbancesas; e, por último, a da cultura galega, que premia a aquelas persoas nadas na comarca que acadaron prestixio máis aló das súas fronteiras.

Na primeira sección, na que o ano pasado se premiou a Manuel Dourado, figuran o profesor Xoán Mariño Reino, o músico e compositor Xosé Ramón España, o mestre e investigador Manuel Mariño del Río e a pintora Paola García Paz. En canto á modalidade que premia ás entidades, cuxo galardón recaeu o ano pasado no Museo Etnográfico de Artes, este ano compiten o grupo de teatro Airiños, o Liceo de Noia, a Casa da Gramática e a Coordinadora dos Equipos de Normalización Lingüística no Barbanza. Por último, en canto ao labor fora dos límites da bisbarra, que o ano pasado recoñeceu o traballo do creador noiés Alfonso Costa, nesta ocasión figuran como candidatos Andrés Torres Queiruga, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xosé Luís Axeitos Agrelo e Soledad Peralta Lorenzo.

Procedemento

Barbantia estalle enviando aos socios as pertinentes cartas informándolles de que o acto de entrega dos tres sirenos de bronce terá lugar o vindeiro venres 27 de novembro no museo Valle-Inclán da Pobra. Sen embargo, antes desa data, os socios da entidade están chamados a votar para que poidan ser elixidos os tres galardoados. Deberán deixar as súas tarxetas coas súas eleccións no centro social de Boiro antes do día 20 deste mes.